Deputación de Lugo

A Deputación adxudica por case 650.000€ as obras da nova ponte do río Azúmara no cinto comarcal

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno avanza na contratación destes traballos da LU-P-1611, á altura do límite municipal entre Pol e Castroverde, que ampliarán o ancho da vía neste punto do trazado ata os 11 metros no caso da ponte e ata os 8 no seu acceso

Aprobada tamén a adxudicación das obras en dous tramos da LU-P-1901, que é a estrada que une na Montaña os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna, cun investimento da institución provincial de preto de 226.000€

Na reunión deste venres tamén se aprobou a venda mediante poxa das últimas 18 parcelas que xestiona a Deputación no polígono de Feira do Monte, en Cospeito

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación por case 650.000€ das obras da nova ponte do río Azúmara no cinto comarcal. Así o avanzou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal que deu luz verde a un investimento en mobilidade de máis de 800.000€.

Explicou García Porto que da construción da ponte e o ensanche e mellora da LU-P-1611nese tramo, situado no límite municipal entre Pol e Castroverde, encargarase o Grupo Bascuas. A empresa fará as obras cun orzamento de 648.321,13€ e o prazo de execución será de 9 meses. Os traballos afectarán a algo máis de 1,3 quilómetros –do km 106,5 ao 107,887- e consistirán na desmontaxe da plataforma antiga, construción dunha nova estrutura, pavimentación con aglomerado en quente, pintado da vía e instalación de balizas e defensas. As obras incluirán tamén unha serie de medidas ambientais, como o plantado de árbores.

“Esta actuación suporá unha mellora moi importante en termos de seguridade e comodidade. Porque  ampliaremos o ancho da vía neste punto do trazado ata os 11 metros no caso da ponte e ata os 8 no seu acceso. Polo que os condutores terán unha plataforma para circular cunhas capacidades moi melloradas”, valorou a Deputada. Lembrou que neste caso “tivemos que iniciar un novo proceso de contratación destes traballos, por cuestións alleas á Deputación. Pero con este novo paso que damos hoxe temos todo listo para iniciar estas obras de forma inmediata”.

Recordou tamén a Deputada que no cinto comarcal a Deputación ten en marcha outras actuacións, “hoxe temos previsto rematar os traballos en dous tramos á altura de Begonte e Castro de Rei cun investimento de 375.000€. E tamén á altura do Corgo están en proceso de contratación unhas obras para a renovación do pavimento por máis de 160.000€”. Nese sentido, asegurou que o Goberno provincial “ten un firme compromiso coa mobilidade da nosa provincia por todo o que supón no que ten que ver co equilibrio territorial. Demostrámolo con feitos, Xunta de Goberno tras Xunta de Goberno, traballando con axilidade, eficacia e compromiso para manter a nosa rede de estradas, a máis extensa de todas as provincias de España con máis de 4.200 quilómetros”.

Melloras na LU-P-1901


No que ten que ver coas estradas provinciais, quedou adxudicada á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU, por 225.786€, as obras en dous tramos da LU-P-1901, que une na Montaña A Fonsagrada e Navia de Suarna. Concretamente, as actuacións afectarán a un tramo de preto de dous quilómetros -do punto quilométrico 4,360 ao 6,430- entre Santiso e Lamas, ao sur do Concello da Fonsagrada. E outro de case tres quilómetros á altura de Queizán, ao sur de Navia de Suarna, desde o punto quilométrico 22,600 ao 25,312. Os traballos que se levarán a cabo consistirán na reapertura de cunetas, mellora da drenaxe, reposición do firme con aglomerado en quente e reposición da sinalización. O prazo de execución será de tres meses desde o inicio dos traballos.

Polígono de Feira do Monte


Aprobado tamén o procedemento para a venda das últimas 18 parcelas do parque que xestiona a Deputación no polígono industrial de Feira do Monte, en Cospeito. O alleamento destes terreos farase a través dunha poxa pública. 16 deses terreos miden 860 metros cadrados; outro –o que se corresponde coa parcela 12- mide 1.011 metros cadrados e outro –a parcela 4- mide 1.311. A institución provincial xa ten vendidas outras 6 parcelas das 24 que conforman este polígono que conta cunha situación estratéxica, próxima á Autovía A-6, o que facilita a conexión co resto da provincia e mellora a loxística empresarial. 

No resto dos parques industriais que xestiona a Deputación a dispoñibilidade é de 12 parcelas no polígono de Baleira (das 27 existentes); 39 das 51 en Castroverde; 25 en Friol (das 55 coas que contaba este parque); 2 en Ourol (das 3 existentes); 13 das 19 que había inicialmente no de Paradela; e 2 das 12 iniciais do complexo de Begonte.

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Solitium SL a subministración  mediante arrendamento dos equipos de impresión, copia e escaneo da Deputación por 446.925,6€ e unha duración de dous anos.