Deputación de Lugo

O Presidente asina co Alcalde de Xove un acordo para ceder as 10 estradas provinciais deste concello

José Tomé Roca
Xove
Sinatura convenio Xove
Este convenio de colaboración, que dá resposta a unha demanda do municipio de Xove, inclúe por 1,6M€ o acondicionamento dun treito da LU-P-2601; un tramo da LU-P-6606; e a mellora da LU-P-2604 e da LU-P-2605 na súa totalidade

“Unha das nosas liñas de goberno é a cooperación e a asistencia a todos os concellos da provincia e facémolo sen distincións de ningún tipo e sen importar a cor política”, recordou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, asinaron este martes na Casa Consistorial un convenio de colaboración de 1.636.807,30€ para arranxar 4 vías e ceder a este municipio as 10 estradas provinciais que vertebran o concello de Xove, o que supón un total de 45 quilómetros. O acordo, que se divide en catro anualidades, inclúe, ademais do cambio de titularidade, o acondicionamento dun treito da LU-P-2601, un tramo da LU-P-6606; e o arranxo da LU-P-2604 e a LU-P-2605 na súa totalidade.

O mandatario provincial recordou que “unha das nosas liñas de goberno é a cooperación e a asistencia a todos os concellos da provincia e facémolo sen distincións de ningún tipo e sen importar a cor política, porque cremos que é así como se constrúe un territorio máis vertebrado, máis igualitario e con máis oportunidades para toda a veciñanza”.

Neste sentido, recordou que “fai unhas semanas asinamos un acordo de colaboración co Concello de Palas de Rei para a cesión dun tramo urbano da LU-P-2901, e hoxe atendemos a petición desde concello mariñán coa que se mellorará a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Xove”.

As obras de acondicionamento que se inclúen neste convenio son as seguintes:

- Con case 478.000€ realizarase a segunda fase do acondicionamento da estrada LU-P-2601, a vía que une a autonómica LU-862 con Portiño de Moras, nun treito de algo máis de 2 quilómetros, do punto quilométrico 2,850 ao 5,524. Tras estes traballos quedará acondicionada a totalidade da estrada.
- Con máis de 141.000€ acometeranse melloras nun tramo da LU-P-6606, a vía que une Augadoce con Fontao por Faro. O treito que se vai arranxar vai do punto 2,222 ao 4,629.
- Con preto de 857.000€ rehabilitarase o firme do trazado completo da LU-P-2604 que vai da autonómica LU-862 ata Valcarria por Monte. 
- E con algo máis de 160.000€ mellorarase o firme da LU-P-2605, a estrada que une A Tronca e Tarolo por Vila.

Tras rematar estes traballos de acondicionamento e unha vez se aprobe na sesión plenaria a Deputación cederá ao Concello de Xove estas vías xunto á LU-P-2602 desde Porto de Morás a Beltrán; a LU-P-2603 desde a autonómica LU-862 ata a LU-P-2061 por Chao de Aldea; LU-P-2606 desde Xove ata a Rocha; LU-P-2607 que vai desde Cruceiro ata Portecelo; LU-P-2609 desde Sumoas ata Toimil; LU-P-2610 que une Vara coa Área pola praia de Esteiro.