Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aglomera en Foz a vía que une o Peirao co Bispo Santo por Marzán

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Mariña
Foz
Os traballos na LU-P-2009 afectan aos máis de 3 quilómetros, incluíndo a rúa Corporacións, que ten esta estrada e consistirán na reapertura de cunetas, mellora do firme e sinalización horizontal

O Presidente da Deputación de Lugo resalta que estas obras que se enmarcan nun proxecto da institución, dotado con 390.000€, para a renovación do 41% da rede viaria provincial ao seu paso por este municipio

A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de aglomerado na estrada LU-P-2009, no concello de Foz, que conecta o Peirao da vila co núcleo de Bispo Santo por Marzán, pasando pola rúa Corporacións. Uns traballos que afectan aos máis de 3 quilómetros cos que conta esta vía provincial, e que consistirán na reapertura de cunetas, na mellora do firme e na sinalización horizontal.


En concreto, as obras que que está a executar a Deputación na LU-P-2009, divídense en tres tramos. Nestes momentos, os traballos consisten no estendido do aglomerado en quente tras o fresado do firme en preto de 2 quilómetros. Ademais, renovaranse as marcas viarias reflexivas, as bandas de aparcadoiro e os pasos de peóns. Así mesmo, na contorna do campo de fútbol Martínez Otero instalaranse separadores de gota para reforzar a seguridade peonil nesta zona deportiva, moi empregada e frecuentada a diario polos focenses. 


No último tramo da vía, entre os puntos quilométricos 1,820 e 3, acometerase a reapertura das cunetas para garantir a drenaxe, e eliminar a vexetación, retirar os aterros e limpar as canalizacións, para evitar acumulacións de auga. 


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explica que estas actuacións forman parte dun proxecto máis amplo, cun orzamento de 390.000 euros e un prazo de execución de tres meses, que inclúe a mellora doutras sete estradas do municipio. En total, suporá a renovación do 41% da rede viaria provincial ao seu paso por Foz. As vías incluídas no proxecto son as seguintes:

1.    A LU-P-6303, que é a estrada que conecta Campón e Cordido por Güín. Neste caso, a Deputación actuará do punto quilométrico 2,630 ao 4,741 coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
2.    A LU-P-2001, que conecta a estrada autonómica LU-152 e a Nacional 642. A Deputación mellorará os 6 primeiros quilómetros mediante a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
3.    A LU-P-2013, que vai do colexio de Nois á Praia de Arealonga. A institución provincial reparará o pavimento e mellorará a seguridade na zona escolar co reforzo da sinalización.
4.    A LU-P-2006, que une A Cruz coa Praia de Llas. As obras afectarán ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,949 e o 2,405 con melloras na pavimentación e sinalización.
5.    A LU-P-2011, que une Marzán coa Praia de Llas. A Deputación mellorará neste caso os 700 primeiros metros coa pavimentación e a sinalización.
6.    A LU-P-3101, de Areas á LU-152 por Oirán, onde a institución provincial mellorará a drenaxe desde o punto quilométrico 8,717 ó 13,024.
Tomé Roca detalle que “este paquete de melloras supón unha actuación estratéxica para Foz, xa que estas vías vertebran o municipio e son fundamentais para conectar as zonas do interior coa costa e as praias, que rexistran unha elevada afluencia de tráfico, especialmente durante os meses de verán”.

Compromiso coa Mariña

Esta actuación enmárcase no Plan de Mellora das Estradas 2025, co que a Deputación de Lugo reforza o seu compromiso coa mobilidade e, neste caso coa Mariña lucense. Así o destacou o Presidente da institución, José Tomé Roca, que sinalou que máis do 21% do orzamento provincial para este ano, un total de 27 millóns de euros, está destinado á conservación, mantemento e mellora da rede viaria, a máis extensa de España, con 4.217 quilómetros, triplicando a da Xunta de Galicia na provincia.

Este investimento forma parte do paquete de actuacións co que a Deputación acometerá obras en 400 quilómetros de estradas da provincia, cun investimento total que supera os 15 millóns de euros. Segundo detallou o Presidente, xa están en proceso de contratación o 65% dos 80 proxectos iniciais, e moitas das obras xa están en marcha, como é o caso da Avenida Infanta Elena en Lugo ou o Cinto Comarcal, á altura do Corgo.