RESIDENCIAS PARA TRADUTORES/AS E AUTORES/AS LITERARIOS DA PROVINCIA DE LUGO
BASES DA CONVOCATORIA
1. OBXECTO:
A presente convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras que establece a Residencia Literaria 1863 e a Área de Cultura da Deputación de Lugo para impulsar as Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo. Consistirán en dúas bolsas en residencia: unha para autores/as de escrita creativa en galego e outra para tradutores/as literarios/as –en ambos casos nados/as e/ou residentes na provincia de Lugo– por un mes de duración (en concreto, agosto de 2025) ao que se sumará o traslado en avión e a manutención. Ambas se desenvolverán en contornos rurais de Polonia e Islandia: unha delas na Fundación czAR(T) Krzywogońca da aldea de Krzywogoniec, cara o norte de Polonia, e a outra no Centro para a Creatividade Gullkistan, no Suroeste de Islandia.
2. FINALIDADE:
As Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo teñen como finalidade o estímulo e promoción da tradución e a creación literaria cultivadas na provincia en lingua galega nunhas condicións de excelencia, así como a súa proxección internacional.
Fornecer aos e ás escritoras de Lugo dun espazo, un tempo, un contexto e unhas condicións ideais para a enteira dedicación ao seu propio proxecto de escrita creativa constitúe así mesmo o obxectivo deste programa. Poderán mergullarse nun novo contexto artístico, mercado literario, comunidade e cultura, afastados das súas obrigas e distraccións cotiás, concentrándose a tempo completo na obra de creación ou tradución a prol dunha alta produtividade artística. A experiencia permitiralles articular a súa práctica escrita e de tradución nun contexto global e construír coñecementos, redes e vínculos que apoien o crecemento internacional da súa actividade.
3. PRAZO DE PRESENTACIÓN E PERÍODO DE SOLICITUDE:
As solicitudes para concorrer ás Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo deberán presentarse do 5 ao 25 de maio de 2025, ás 22:00horas.
Unha vez seleccionadas e anunciadas as persoas ás que se concedan estas dúas bolsas en residencia, gozarán das mesmas ao longo do mes de agosto de 2025. Nomearanse así mesmo cadanseus candidatos/as en caso de cancelación.
O candidato ou candidata elixida poderá desenvolver a súa estadía en Polonia e mais en Islandia ao longo de todo o mes natural de agosto (do 1 ao 31) e nunca fóra de dito período.
4. REQUISITOS DAS PERSOAS SOLICITANTES:
Poderán concorrer á presente convocatoria individualmente calquera escritor ou escritora –maior de dezaoito anos– nado/a e/ou residente na provincia de Lugo e con ao menos un libro publicado (en galego). Para a praza destinada a tradutores/as, poderá concorrer calquera maior de dezaoito anos –igualmente nado/a e/ou residente na provincia de Lugo– que demostre experiencia no campo da tradución literaria.
5. PATROCINIO:
Financiadas pola Deputación Provincial de Lugo e coordinadas dende Galicia pola Residencia Literaria 1863, estas dúas residencias ofrecen bolsas de traslado, manutención e aloxamento para escritores/as e tradutores/as da provincia de Lugo nos centros:
- Fundación czAR(T) Krzywogońca. Krzywogoniec. Contorno rural no norte de Polonia.
- Centro para a Creatividade Gullkistan. Contorno rural do Suroeste de Islandia.
Se a primeira inclúe a pensión completa, no caso da segunda a bolsa fornecerá dunhas dietas para os alimentos que o autor ou autora poda cociñar nas instalacións habilitadas.
6. PRESENTACIÓN DE PROXECTOS E FORMALIZACIÓN DE SOLICITUDES:
Para solicitar as Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo, en concorrencia competitiva, cada autor ou autora poderá presentar un único proxecto por categoría –de creación ou de tradución literaria– en lingua galega.
As solicitudes incluirán, anexos, documentos de texto (en .doc, .docx, .odt ou .pdf) que aborden os seguintes apartados:
(1) Bio-bibliografía redactada nun máximo de dúas páxinas (incluíndo nome completo, DNI e datos de contacto) (2) Memoria de PROXECTO: Descrición do proxecto literario que se pensa desenvolver durante a residencia en intercambio (Máx. 2 páxinas). Pódese facer mención do fío condutor, sinopse, semblanza do autor/a e obra a traducir, tema/s principais, estrutura, forma, trazos de estilo e/ou calquera outro detalle que permita ao comité de valoración facerse unha idea o máis aproximada posible do plan a procurar. (3) Dossier literario: escolma de textos literarios ou de traducións literarias capaz de actuar como mostra representativa do traballo literario do ou da solicitante (Máx. 10 páxinas) (4) Carta de motivación para solicitar estas Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo, de non máis dunha páxina de extensión (Máx. 1 páxina).
Unha vez preparados todos estes documentos, enviaranse nun único e-mail ao enderezo electrónico: 1863coruna@gmail.com, sempre antes das 22:00h do día 25 de maio de 2025.
Os mails deberán indicar no 'asunto': “Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo”.
No caso da candidatura non se recibir completa, a participación será desestimada e o/a solicitante descartado/a da convocatoria.
7. SELECCIÓN E CRITERIOS DE VALORACIÓN:
Os proxectos presentados serán sometidos a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e a Residencia Literaria 1863. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio no campo da tradución e da literatura galegas, quen seleccionarán –de xeito debidamente xustificado– as mellares candidaturas a estas dúas bolsas en residencia.
Decidirase, de tal xeito, o nome das persoas que traballarán dende Polonia e Islandia, así como inmediatos/as suplentes en caso de cancelación.
O Comité de valoración elixirá o dous proxectos (de tradución literaria e de escrita creativa) que considere merecedores da oportunidade en residencia, avaliando:
• calidade artística e viabilidade do proxecto literario.
• excelencia da traxectoria literaria previa.
• idoneidade da carta de motivación.
8. RESOLUCIÓN E PUBLICACIÓN DO RESULTADO DA CONVOCATORIA
Adxudicadas tras o proceso selectivo as Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo, notificarase ás persoas seleccionadas –e máis aos/ás suplentes– durante as semanas subseguintes ao remate do prazo e no enderezo electrónico facilitado.
Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas que non se acollan ás bases polas que se resolve esta convocatoria. Non se manterá correspondencia cos ou coas solicitantes que queden fóra da selección final.
9. OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS:
As persoas que, nos anos sucesivos, resulten beneficiarias destas convocatorias terán a abriga de cumprir as seguintes obrigas:
• Comunicar por escrito, no prazo de cinco días naturais dende a comunicación da concesión da Residencia para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo, a aceptación da mesma e das bases que a regulan. De non facelo, enténdese que renuncia á praza, pasando a concederse á persoa suplente seleccionada a tal efecto.
• Destinar a Residencia para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo e a correspondente estadía nos centros residenciais en Polonia e Islandia, a profundar na súa escrita creativa, seguindo –o máis axustadamente posible– o proxecto descrito na memoria presentada coa solicitude.
• Aceptar e cumprir o acordo que rexerá a correcta utilización das instalacións das Residencias no estranxeiro, de xeito respectuoso, adecuado e responsable, e estritamente polo período pactado. Non se admitirán cónxuxes, familiares, acompañantes nin tampouco animais de compañía nas residencias, que se entenden destinadas ao concentrado desenvolvemento individual do traballo creativo do escritor ou escritora. Así mesmo, as persoas que se despracen a Polonia e mais a Islandia deberán ser conscientes de que poderán compartir espazos comúns (non así os privados e de traballo) con outras persoas, tanto outros eventuais residentes como persoal dos centros residenciais. Un certo manexo da lingua inglesa como ferramenta vehicular poderá ser de utilidade nestes centros onde se manexa tamén o polaco e o francés (en Polonia) e o islandés (en Islandia).
• Presentar unha breve memoria final (máximo 200 palabras) que valore a experiencia aproveitada e o posible impulso ao propio traballo literario, capaz de orientar a futuros/as solicitantes. Haberá de se remitir ao correo electrónico da correspondente Residencia dende cinco días antes a quince días despois do fin da estadía.
• Se, no futuro, o traballo literario desenvolvido durante o intercambio en residencia chegase a ser publicado, deberase facer constar que a creación de dita obra foi impulsada no correspondente retiro creativo (en Polonia ou en Islandia) co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e grazas ás Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo, enviando á sede institucional luguesa dúas copias da obra resultante.
10. OBSERVACIÓNS:
A concorrencia a este programa en residencia suporá a total aceptación destas bases.
Para calquera dúbida concreta, estritamente relacionada con esta Residencia, poden dirixirse a 1863coruna@gmail.com.