Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación destaca o éxito do FIV de Vilalba, que se consolida con máis de 6.000 persoas

FIV
Vilalba
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas valorou este martes xunto á Alcaldesa vilalbesa e a organización o impacto positivo do festival, que contou cunha achega da institución provincial de 50.000€

A Deputación de Lugo destaca o éxito da última edición do FIV de Vilalba, que reuniu a máis de 6.000 persoas durante toda a fin de semana. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, xunto á Alcaldesa, Marta Rouco Seoane, e representantes da empresa organizadora do evento, participou na Casa da Cultura vilalbesa nun acto no que se fixo balance do impacto positivo da cita. 

López Moreno lembrou que a institución provincial colaborou cunha achega de 50.000€, reafirmando o seu apoio a un evento do que sinalou “que demostra que é xa un festival consolidado, referente cultural na provincia e un motor económico para toda a comarca da Terra Chá e para o conxunto da provincia.  Falamos dun evento que dinamiza a economía local, atrae turismo e proxecta a imaxe de Vilalba e da provincia cara ao exterior”, afirmou.

O FIV contou cun cartel formado por artistas como Shinova, The Rapants, León Benavente ou Galician Army, que contribuíron a facer desta edición un éxito rotundo tanto en asistencia como en repercusión mediática e turística.

A Deputación agradeceu o traballo do Concello de Vilalba, así como o esforzo da organización e de todas as persoas que fixeron posible o evento. Desde a institución provincial “seguiremos apoiando o FIV como unha cita estratéxica para a cultura, o turismo e para o desenvolvemento sostible da Terra Chá”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou " o beneficio económico que supón a celebración do FIV para o noso comercio local e hostalería, que durante a fin de semana incrementou notablemente a afluencia de clientes debido á chegada de visitantes e á confianza dos veciños e veciñas no noso festival; o FIV fixo vibrar Vilalba e a todo o tecido comercial do municipio, manténdose vivo e implicado co festival".