A Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán visibilizan o labor de ASFEGA, centrada no apoio a persoas con enfermidades metabólicas hereditarias
O CB Breogán dedicará o partido do vindeiro domingo - 30 de marzo – co Baskonia á Asociación de Enfermidades Metabólicas Hereditarias de Galicia, ASFEGA, unha entidade sen ánimo de lucro centrada en acompañar, informar e asesorar as persoas con estas enfermidades causadas por una mutación xenética que altera a produción de proteínas.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán Salva Arco, a secretaria da asociación María José Dopazo e o seu vogal Iván Pena presentaron a iniciativa, que procura visibilizar o colectivo e difundir os recursos da asociación ante potenciais usuarias no Pazo dos Deportes e nas redes sociais do club.
No acto, Iván Pena explicou que unha das principais dificultades das persoas afectadas por estas enfermidades ten que ver coa alimentación, xa que requiren dun estrito control do consumo de proteínas, na maioría dos casos, ou doutros nutrientes como os acidos graxas ou as glucosas.
Nesa liña, unha parte da actividade de ASFEGA céntrase en facer compras conxuntas de alimentos dietéticos, para facilitar o acceso a eses produtos, difíciles de atopar e caros. Tamén organizan obradoiros e convivencias, nas que intercambian rutinas e hábitos para solventar dificultades diarias relacionadas con rutinas e hábitos de alimentación.
Efrén Castro e Salva Arco explicaron que “con esta colaboración sumamos unha nova asociación á rede de entidades que participan nestas iniciativas de sensibilización e de apoio ao tecido asociativo do ámbito social a través do deporte”.
A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.