A Deputación amosa o seu compromiso co envellecemento activo no proxecto Creamos Saúde Tour
Rivera Capón destacou que “nesta iniciativa, que tamén se realizará en Viveiro e noutras 8 localidades galegas, están a participar voluntarios de Cruz Vermella, traballadores do sector e alumnos e alumnas do IES Sanxillao de Lugo”
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, visitou este xoves a foodtruck instalada diante do Pazo de San Marcos por Cruz Vermella e Vegalsa-Eroski dentro do proxecto que están a desenvolver ambas entidades que se denominaCreamos Saúde Tour. Esta iniciativa, que estará dispoñible ata ás 14:00 horas, trata de promover hábitos de alimentación saudables, contribuír ao envellecemento activo da poboación galega e sensibilizar á veciñanza sobre o consumo local e a redución do impacto ambiental.
Neste encontro, ao que tamén asistiu o presidente de Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira Mayor, Pablo Riveradestacou que “hoxe acollemos en Lugo esta proposta, que tamén estará dispoñible no concello de Viveiro e noutras 8 localidades galegas e na que tamén participan voluntarios de Cruz Vermella, traballadores do sector e alumnos e alumnas do IES Sanxillao”.
Rivera Capón puxo en valor o esforzo de ambas entidades “por sacar adiante un proxecto coma este que concorda á perfección coa liña de traballo que vimos desenvolvemos na Deputación de Lugo en relación co envellecemento activo da poboación e a mellora da calidade de vida e de benestar de todos os nosos veciños e veciñas. Ademais, Creamos Saúde Tour fomenta un modelo de vida saudable que aposta por produtos de proximidade, o que tamén contribúe a crear un entorno máis respectuoso co medio ambiente”, destacou o Deputado.
Creamos Saúde Tour
Este proxecto de sensibilización está aberto a toda a veciñanza, pero diríxese especialmente a persoas maiores de 65 anos co obxectivo de trasladarlles hábitos de alimentación adecuados. Durante a actividade, na que tamén se realizaron demostracións en vivo, os participantes recibiron consellos e recomendacións para aplicar no seu día a día.