Deputación de Lugo

A Deputación destaca o Emprega-T Fest como impulsora do talento xuvenil e da súa empregabilidade

Pablo Rivera Capón
Inauguración EmpregaTFest
- O Deputado de Promoción Económica e Social participou este xoves na inauguración deste espazo que conecta a empresas coa mocidade na Praza Horta do Seminario e que conta co apoio da institución provincial

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na inauguración do Emprega-T Fest, un evento que ao longo de toda a xornada na Praza Horta do Seminario servirá de punto de encontro entre empresas da provincia e persoas demandantes de emprego. A feira, que conta co apoio da Deputación está organizada polo Concello de Lugo, o Campus de Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación de Empresarios de O Ceao As Gándaras.


Pablo Rivera Capón subliñou a importancia de ofrecer espazos deste tipo “para facilitar o contacto directo entre empresas e demandantes de emprego, fomentando a creación de novas oportunidades laborais”. "Somos as xeracións mellor formadas, pero o talento necesita oportunidades para brillar. O Emprega-T Fest é unha plataforma que non só dá visibilidade ás capacidades da nosa xuventude, senón que tamén favorece a conexión con oportunidades reais no mercado laboral", subliñou Rivera Capón.


A institución provincial ofrecerá cobertura ao evento a través do Servizo de Audiovisuais, gravando as mesas redondas e obradoiros formativos que se desenvolven ao longo da xornada, ademais de realizar entrevistas con asistentes e representantes das empresas participantes. 


A xornada contará con stands de empresas, entrevistas de traballo en formato speeddating, mesas redondas e talleres formativos que darán a coñecer as inquedanzas e tendencias no mercado laboral. Haberá tamén unha zona gastro, de lecer e con música para desfrute dos asistentes.