Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

Cervantes celebra o 11 de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, co apoio da Deputación

feira en defensa do gandeiro da montaña
Cervantes
O Deputado de Promoción Económica e Social, o Alcalde cervantego e a asociación Territorio Verde presentaron no Pazo de San Marcos esta cita, que prevé superar os 200 animais do pasado ano entre gando vacún, equino, ovino e caprino

Pablo Rivera destacou que a institución provincial aporta 6.000€ para impulsar un ano máis esta feira, “que vimos apoiando dende que se recuperou no ano 2019, tras 34 anos sen celebrarse, para reivindicar o potencial do noso rural e do sector primario”

Os interesados poden realizar o rexistro dos animais desde este mesmo mércores 17 de abril ata o 5 de maio, a través dos números de teléfono habilitados pola organización: 636.280.102 e 690.265.895

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, o Concelleiro Miguel González Vilela, e a presidenta da asociación Territorio Verde, Sonia Chocrón, xunto a outros representantes deste colectivo, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que terá lugar en San Román de Cervantes o vindeiro 11 de maio co apoio da Deputación. 

Pablo Rivera subliñou que a institución provincial aporta 6.000€ ao colectivo para impulsar un ano máis a celebración desta feira, que “vimos apoiando desde o ano 2019, ano no que se retomou unha tradición que deixara de celebrarse en 1985, co obxectivo de reivindicar o potencial do noso rural, do sector primario, e a importancia de preservar este tipo de tradicións que manteñen vivas as nosas costumes e a nosa identidade cultural”. Sinalou ademais o Deputado a relevancia desta cita festiva “na que se involucran todos os veciños e veciñas dos Ancares para festexar como se facía 40 anos atrás, revivindo as feiras que existían nesta zona da Montaña como a de Seixas ou a de Quindous”.

“Esta feira constitúe tamén un importante punto de encontro para os produtores ao proporcionar maior visibilidade ao sector agrogandeiro e permitir o intercambio de experiencias entre eles, o que implica un retorno económico significativo no municipio e toda a Montaña”, destacou Pablo Rivera, quen animou a todos os lucenses e as persoas que visitan a provincia a que se acheguen á localidade este día “para desfrutar dunha xornada de feira como as de antes”. 

Nesta cuarta edición, o colectivo organizador prevé superar os 200 animais do pasado ano entre gando vacún, equino, ovino e caprino, procedente de ganderías da Fonsagrada, Castroverde, As Nogais, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, e incluso de Asturias. O prazo para inscribir os animais estará aberto do 17 de abril ao 5 de maio, ambos incluídos. Os interesados poden facelo chamando aos seguintes números de teléfono habilitados: 636.280.102 e 690.265.895. 

Programa da feira e actividades paralelas

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. 

A feira comezará ás 8 da mañá coa recepción do gando. Ao longo do día haberá  subasta de xovencas, entrega de numerosos premios aos mellores exemplares, sorteos e inchables para nenos e nenas. A xornada estará amenizada pola mañá polos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e pola tarde, coa actuación de Tania e o seu acordeón. 

O programa de actividades é o seguinte: 
8:00h Recepción de gando e recollida de credenciais
10:00h Votación do xurado segundo as categorías a premiar 
11:00h Animación a cargo dos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros
12:00h Poxa de novelas de ACRUGA
13:30h Entrega de premios 
16:30h Música con Tania e o seu acordeón
19:00h Sorteo de 500 puntos
20:30h Peche da feira