O Presidente da Deputación destaca o Queixo San Simón da Costa como mostra do “enorme potencial do noso sector primario para xerar riqueza no rural”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, compartiu cos milleiros de veciños e visitantes o día grande da XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa que acolle a capital chairega esta fin de semana. José Tomé percorreu os postos dos sete queixeiros do municipio que estes días poñen á venda na Praza da Constitución 5 mil quilos deste afamado queixo afumado producido por 376 gandeirías inscritas na Denominación de Orixe Protexida.
O mandatario provincial destacou o Queixo San Simón da Costa como “unha das mellores mostras do enorme potencial do noso sector primario, dos produtos locais diferenciados e de calidade, para xerar riqueza e emprego no noso rural”, sinalando o importante retorno económico alcanzado o pasado ano, cando se superaron as 600.000 pezas de queixo vendidas e unha facturación de máis de 5 millóns de euros, “ao que hai que engadir o impacto desta actividade en termos de promoción da riqueza e diversidade da comarca da Chaira e de toda a provincia, o que se traduce tamén na dinamización do turismo”.
O Presidente puxo en valor ogran poder de convocatoria que ano tras ano rexistra a Festa que acolle a capital chairega, un “éxito” polo que felicitou á Asociación de Queixeiros de San Simón e ao Concello de Vilalba, coa súa Alcaldesa á fronte, pois “atopan novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”.
José Tomé asegurou que o modelo de desenvolvemento que representa a produción do Queixo San Simón da Costa e a propia feira que exalta este produto e promove a súa comercialización e consumo concorda coas políticas que promove a Deputación de Lugo, “onde estamos facendo unha clara aposta por apoiar a actividade do sector primario, tanto agrogandeira, como forestal e do mar, e por impulsar un turismo de calidade e sostible, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.
Ademais dos sete produtores locais, a XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa conta con máis de medio centenar de stands procedentes de toda España que poñen á venda outros produtos de alimentación. Polo recinto feiral pasaron esta fin de semana milleiros de persoas e visitantes para desfrutar dun amplo programa de actividades para todos os públicos.