Rivera Capón inaugura unha nova edición de Xuvenciencia, coa colaboración da Deputación de Lugo

O Deputado Provincial Pablo Rivera Capón participou este luns na apertura do 11º Campus de Verán Xuvenciencia, que tivo lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra. A Deputación de Lugo colabora con esta cita, que está enmarcada dentro do apoio anual que a institución provincial ofrece á Universidade de Santiago de Compostela.
Rivera Capón recoñeceu ante os rapaces e rapazas que “sempre é un pracer participar na apertura deste programa e acompañarvos nesta nova experiencia”. Durante toda a semana, ata o venres 8 de xullo, participarán 95 mozos e mozas matriculados en 4º da ESO, Bacharelato e ciclos medios de FP, cunha idade máxima de 19 anos.
“A ciencia ten unha gran importancia no noso futuro como sociedade. Xoga un papel protagonista, centrándose en grandes retos como o cambio climático, a robótica ou os avances sociais en canto a medicina”, sinalou o Deputado sobre esta formación, que ofrecerá proxectos e talleres centrados na ciencia que “está no noso día a día”. Ademais, asegurou que a súa curiosidade “vailles permitir aprender e descubrir se é o seu camiño para o futuro”.