A Deputación incide na presentación do proxecto Retturn na importancia do turismo sostible “como elemento dinamizador do rural”

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, participou este venres no Concello de Navia de Suarna, xunto ao Alcalde desta localidade, José Fernández Fernández, na presentación do proxecto Retturn: Rede de Experiencias Turísticas Baseadas na Tradición Rural. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través dos fondos europeos Next Generation, na que participan municipios de todo o territorio nacional.
Fernández Rico valorou que esta proposta “concorda co modelo de turismo e de desenvolvemento do rural que impulsamos dende a Deputación” e defendeu que “empregar o turismo como elemento dinamizador das economías locais é un xeito eficaz de xerar emprego e fixar poboación no rural, sobre todo a máis nova”.
“Desenvolver iniciativas turísticas a partir da recuperación do patrimonio cultural, etnográfico ou paisaxístico ten unha dobre vantaxe”, asegurou o Deputado, sinalando que esta medida “impulsa a conservación do contorna e as prácticas tradicionais, e reactívaas como punto de partida para deseñar produtos turísticos que poñen o acento na experiencia, ofrecendo ó visitante coñecer de primeira man construcións tan senlleiras como as pallozas, a apicultura popular ou a gandería de montaña, a transhumancia e o uso da auga”.
Este proxecto conta cun orzamento de 1,2M€, cun investimento de 200.000€ por beneficiario, entre os que se atopan, ademais da FEGAMP, a Federación Andaluza de Municipios e Provincias, que é a responsable de coordinar, a Federación Aragonesa de Municipios, Comarcas e Provincias, a Federación Valenciana de Municipios e Provincias, a Federación de Municipios e Provincias de Estremadura e a Federación Canaria de Municipios.