Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a 160 estudantes do IES Sanxillao que participan no proxecto Stat Wars da USC

USC

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida este luns no Pazo de San Marcos aos 160 estudantes do IES Sanxillao que participaron ao longo da mañá no proxecto Stat Wars: A rebelión dos datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que ten como obxectivo achegar a disciplina da estatística á mocidade. 

Rivera Capón salientou a importancia e o atinado deste obradoiro. “Vivimos nun mundo no que estamos inundados de datos, de cifras. Pero, se non contamos coas ferramentas para interpretalos, para facer series, para entender a evolución ou as variacións dos fenómenos, os datos sérvennos de pouco”, dixo. 

Stat Wars é unha iniciativa dirixida a alumnado preuniversitario, a través da que se pretende achegar a mocidade á disciplina estatística dunha maneira amena e divertida, con xogos e concursos orientados a que o estudantado poña en práctica o seu espírito crítico e descubra as diversas aplicacións da estatística na vida real, presentándoa como unha vocación científica de futuro. As encargadas de dirixir a acción foron as profesoras da USC Berta Rial e Mercedes Conde, ademais de contar cun relatorio do catedrático Manuel Marey.