Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación colabora no reforzo do parque de maquinaria de Barreiros, co financiamento dun tractor cortacéspede

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
Barreiros
MANTEMENTO
MAQUINARIA

Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros asinaron un convenio de colaboración para a compra dun tractor cortacéspede para o parque de maquinaria municipal.

Trátase dun tractor equipado para traballar en zonas verdes e axardinadas, que axilizará e facilitará as tarefas de mantemento que se desenvolven periodicamente en distintos espazos ao aire libre que o Concello acondicionou e revitalizou ao longo dos últimos anos nas distintas parroquias

A deputada Mónica Freire valorou “o traballo realizado polo goberno municipal para recuperar estas zonas como espazos de esparexemento e socialización para a veciñanza do rural” e explicou que “na área de Medio Rural somos conscientes do esforzo que supón para o Concello o mantemento destas zonas e en xeral das infraestruturas municipais, tanto en persoal como en medios, e tratamos de facilitalo con colaboracións coma esta”

A alcaldesa Ana Ermida sinalou que “a sinatura deste convenio dá continuidade á renovación da dotación de maquinaria para a realización de traballos diarios para os que ao longo destes anos se foron adquirindo ferramentas e maquinarias grazas á colaboración da Deputación. Con esta maquinaria os traballos realízanse de xeito máis eficiente e cunha mellor calidade, dando un importante impulso ao mantemento dos espazos municipais”

Ana Ermida agradeceu a colaboración permanente da área de Medio Rural “que permite que este concello conte cun dos mellores parques de maquinaria e ferramenta a disposición do persoal municipal que traballa dun xeito máis cómodo, eficiente e seguro no seu día a día”.

A área de Medio Rural destina 17.000 euros a esta compra, que dá continuidade ao apoio que a Deputación de Lugo presta ao Concello neste ámbito. Nos últimos catro ano o Concello de Barreiros adquiriu outros cinco vehículos, con financiamento de distintas liñas de fondos provinciais.