Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente destaca a calidade do audiovisual da provincia, con moito protagonismo nos Mestre Mateo

cine
Premio Mestre Mateo
José Tomé Roca acudirá esta noite á gala na que os cineastas da provincia Dani de la Torre, os irmáns Coira e David Fidalgo; o actor Luis Tosar, e o director de arte Antonio Pereira atesouran preto de medio cento de nominacións

A institución provincial mantén o apoio ao audiovisual da provincia como liña de traballo pola capacidade desta industria cultural para crear riqueza e emprego, e para promocionar o territorio e atraer turismo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acude este sábado á gala de premios dos XXI Mestre Mateo, que contará con moito protagonismo do audiovisual lucense. Na cita, que se celebrará ás 22.00 horas no Auditorio Municipal de Ourense, os cineastas da provincia Dani de la Torre, os irmáns Coira, e David Fidalgo; o actor Luis Tosar, e o director de arte Antonio Pereira atesouran preto de medio cento de nominacións. Unha representación lucense “moi importante, que é tamén boa mostra da calidade e do talento que hai na nosa provincia”, subliñou o mandatario provincial.

“O bo momento do audiovisual da nosa provincia é incuestionable”, asegurou Tomé Roca, quen subliñou que a institución provincial mantén o apoio ao audiovisual como liña de traballo pola capacidade desta industria cultural para crear riqueza e emprego, e para promocionar o territorio e atraer turismo. Neste sentido, o Presidente destacou que a Deputación conta co Centro de Formación Audiovisual, a única escola pública da provincia que ofrece este tipo de ensinanzas, e que ademais é gratuíta agás para o alumnado que repite, conta cun servizo de Audiovisuais que dinamiza o sector e promociona a provincia, e apoia economicamente producións audiovisuais rodadas no territorio lucense.

De feito, na última década, lembrou o mandatario provincial, a Deputación colaborou con máis de 30 producións audiovisuais, “o que demostra o noso claro apoio ao audiovisual lucense e galego. Porque apoiar ao audiovisual é crear  industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”. Nese sentido, explicou José Tomé que “este sector non deixa de medrar”, e valorou que a presenza das paisaxes da provincia de Lugo nas salas, nos festivais ou nas plataformas audiovisuais “constitúe unha vía moi interesante e frutífera para a promoción do territorio”.

Os diferentes traballos audiovisuais con talento lucense optan en total a 49 nominacións nas categorías de mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación feminina de reparto, mellor interpretación feminina protagonista, mellor interpretación masculina de reparto e protagonista, mellor dirección de arte, mellor fotografía, mellor produción, mellor maquillaxe e peiteado, mellor montaxe, mellor música orixinal, mellor vestiario, mellor son e mellor serie de TV.