Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación traballa na mellora da estrada de Taboada a Mundín, en Chantada, cun investimento de preto de 150.000€

Rede provincial de estradas
estradas provinciais
Comezaron os labores de estendido do aglomerado en quente entre os puntos quilométricos 6,100 e 9,950 coa previsión de ter rematado a semana que vén

A Deputación de Lugo traballa na mellora da estrada LU-P-6001 de Taboada a Mundín, en Chantada, cun investimento de preto de 150.000€. Comezaron os labores de estendido do aglomerado en quente entre os puntos quilométricos 6,100 e 9,950 coa previsión de ter rematado a semana que vén.

A actuación consiste na limpeza dos laterais, pavimentación e sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas, o que mellorará as condicións de seguridade e comodidade para o usuario. Estes traballos completarán ademais os feitos recentemente pola institución provincial sobre o treito inicial da estrada.

A LU-P-6001 é unha vía de comunicación importante para o sur da provincia, porque dá servizo ás parroquias de Moreda, Gondulfe, Taboada dos Freires, Mato e Adá.

A mellora da mobilidade é unha das liñas estratéxicas da acción do Goberno provincial, como queda demostrado nos Orzamentos. De feito, o investimento en estradas subiu un 30% no que vai de mandato, pasando dos 14,2M€ consignados no 2019 aos 18,3M€ deste ano para tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.