Deputación de Lugo

García Porto pon en valor a historia e o patrimonio da provincia na entrega do Certame do Condado de Pallares

A Deputada participou en Taboada no acto no que a Doutora en Arquitectura Alberta Lorenzo recibiu o galardón polo traballo A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na Casa da Cultura de Taboada na entrega do XVI Certame de Investigación Condado de Pallares. A Doutora en Arquitectura Alberta Lorenzo foi a galardoada nesta edición co traballo A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos, unha investigación centrada no románico.

García Porto destacou que o obxectivo do certame e do propio traballo gañador concorda co labor da Deputación de Lugo, onde “traballamos para conservar todo o noso patrimonio material e inmaterial, e facer que non se perda xeración tras xeración”. Neste sentido, destacou o impulso ao patrimonio románico por parte da institución provincial con iniciativas como a adhesión á Ruta Transrománica, un percorrido recoñecido co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa unha das principais rutas culturais paneuropeas; a organización de rutas polo románico da provincia; ou a edición de publicacións centradas nos monumentos deste estilo arquitectónico coas que conta a Ribeira Sacra, a Ulloa e a zona dos Ancares. 

O proxecto galardoado este ano co Certame de Investigación Condado de Pallares "ten un valor académico innegable, pero para os responsables públicos é unha ferramenta moi valiosa á hora de seguir coidando dun patrimonio que ten que ser fonte de riqueza e conservarse como herdanza das futuras xeracións”, concluíu a Deputada.