Deputación de Lugo
Turismo

Chechu Salgado, protagonista do audiovisual sobre a provincia que presentará a Deputación en FITUR 2023

FITUR
Chechu Salgado
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salienta “a importancia de contar cun actor de altura como o soberino, que leva o nome da nosa provincia por todo o noso país”

A rodaxe ten como obxectivo amosar o importante legado románico que atesoura o territorio lucense, tanto a riqueza artística como paisaxística

A Deputación de Lugo roda estes días o audiovisual sobre a provincia de Lugo que presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2023 no mes de xaneiro. O actor Chechu Salgado, natural de Sober, é o protagonista desta campaña turística provincial. 

Salgado, coñecido por proxectos audiovisuais como Las Leyes de la Frontera, Fariña ou  Patria, entre outros, foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación neste ano 2022. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salienta “a importancia de contar cun actor da altura de Chechu Salgado, que leva o nome da nosa provincia por todo o noso país”. “Quixemos facer unha campaña dinámica e visual para impulsar a proxección da nosa provincia, cun embaixador de primeiro nivel como Chechu Salgado”, recalcou.

A rodaxe, realizada polo Estudo Audiovisual 60 Ráfagas, ten como obxectivo amosar o importante legado románico que atesoura o territorio lucense, tanto a riqueza artística como paisaxística, tendo en conta que a disposición, orientación e enclaves elixidos para a construción de igrexas e catedrais non é azarosa, polo que non se poden disociar da paisaxe. Esta promoción busca afondar no coñecemento destas paraxes, grazas a unha coidada narración que mergulla ao visitante nunha viaxe ao mais puro estilo western. A banda sonora foi gravada nos Kollapse Studio de Lugo pola banda ribadense Beetle Judge.