Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación e AELU achéganse ás emprendedoras e empresarias do rural cun encontro na comarca de Sarria

Láncara
AELU
O Deputado de Promoción Económica e Social participou xunto ao Alcalde de Láncara e á presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo nun almorzoworking que reuniu en Láncara a unha vintena de mulleres interesadas no proxecto Feminino Rural. Evolución

A institución provincial impulsa con 40.000€ esta iniciativa de apoio, formación e asesoramento gratuíto a negocios liderados por mulleres do rural lucense como parte da súa estratexia para a promoción económica da provincia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores en Láncara nun almorzoworking celebrado no marco programa Feminino Rural. Evolución que impulsa a Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU). Neste encontro participou unha vintena mulleres con iniciativas emprendedoras ou empresariais da comarca da Sarria, o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e a presidenta de AELU, Beatriz Varela. 

Rivera Capón salientou que esta medida forma parte da estratexia da institución para fortalecer o tecido produtivo da provincia, neste caso, os proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural. Detallou que este é un programa no que as participantes reciben formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras. A institución provincial inviste 40.000€ neste programa. 

Cen mulleres participantes

O Deputado subliña que o proxecto está tendo moi boa acollida na provincia, con máis de 100 mulleres involucradas. Subliñou que as actividades empresariais que queren desenvolver ou xa están desenvolvendo as mulleres participantes na provincia son moi diversas: servizos forestais, turismo rural, comercio, agricultura ecolóxica, organización de eventos, publicidade, gandería, coach, adegas, artesanía, tear, pilates ou traballos feitos á man.

No caso de Láncara, destaca a alta porcentaxe de empresas e iniciativas dedicadas aos servizos sociais e a atención e ocio a maiores. Tamén á produción gandeira e agrícola, salón de peiteados, servicios forestais ou atención a inmigración e consultaría social.

Aproximarse ás comarcas

Este programa naceu co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e para facilitar a súa participación. “Atendendo precisamente á perspectiva demográfica do noso territorio, todas as accións deste programa fanse de maneira deslocalizada, nas distintas comarcas da provincia: na Mariña, en Lugo, na Ulloa, na Terra Chá, en Sarria, na Montaña e na Ribeira Sacra”. 

En cada comarca créanse sinerxías entre as mulleres, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias que beneficien aos proxectos individuais de cada unha.
As formacións e asesoramentos están dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados das empresas que teñen en marcha. Pola súa banda, as emprendedoras participantes reciben asesoramento e apoio técnico para constituír e arrancar a súa propia empresa, e para favorecer a súa viabilidade.

O vindeiro almorzoworking será na Fonsagrada na segunda quincena de outubro.