Deputación de Lugo
Economía
Infraestruturas
Recursos Humanos

A Deputación lanzou todos os procesos selectivos para estabilizar 110 prazas ocupadas por persoal temporal

Xunta de Goberno
convocatoria de emprego
Navia de Suarna
Barreiros
O Deputado de Promoción Económica e Social destaca o “consenso e axilidade” co que a institución desenvolve o proceso de estabilización laboral, en cumprimento do disposto na Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público impulsada polo Goberno de España

A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos para 88 prazas polo sistema de concurso de acceso libre, tras acordar hai unha semana as correspondentes a 22 prazas por concurso-oposición

Adxudicadas as obras para acometer a reparación e o acondicionamento da fachada do Pazo de San Marcos por un importe de 150.000€

Licitado por un orzamento de 150.000€ o proxecto de mellora de tres estradas provinciais en Barreiros, que unen Benquerencia con Suigrexa, con Pedregás e coa praia de Fontela

A Deputación de Lugo lanzou a totalidade dos procesos selectivos necesarios para a estabilización de 110 prazas ocupadas ata o momento por persoal temporal, en cumprimento do disposto na Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público impulsada polo Goberno de España.

Así o explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen informou de que a Xunta de Goberno de hoxe aprobou as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos para 88 prazas polo sistema de concurso de acceso libre, tras acordar hai unha semana as correspondentes a 22 prazas por concurso-oposición libre.

Os perfís para as prazas aprobadas hoxe son moi variados, dende administrativo, porteiro, condutor, delineante, enxeñeiro, persoal de biblioteca, economista ou peón.

Pablo Rivera destacou “o alto grao de consenso e a axilidade coa que promovemos dende a Deputación de Lugo este proceso de estabilización do persoal”. Neste sentido, recordou que o Goberno alcanzou “un acordo no seo da Mesa Xeral de Negociación, conformada pola Administración e as forzas sindicais que representan aos traballadores e traballadoras, que fixa os criterios da Oferta Pública de Emprego (OPE) deste ano 2022 para desenvolver a estabilización”. Así mesmo, incidiu, “estamos entre as administración locais que desenvolve con maior rapidez este proceso”.

Compromiso co diálogo social e cos dereitos dos traballadores
“Un consenso e axilidade”, explicou, “que é froito do profundo compromiso deste Goberno provincial co diálogo social e cos dereitos dos traballadores e traballadoras. Estamos convencidos de que a estabilidade laboral e as boas condicións de traballo son fundamentais para asentar e consolidar uns servizos públicos modernos, áxiles, de calidade, e capaces de evolucionar de acordo coas necesidades da cidadanía”.

Acondicionamento da fachada de San Marcos
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou ademais a adxudicación das obras para acometer a reparación e o acondicionamento da fachada do Pazo de San Marcos por un importe de 150.000€. 

O Deputado de Promoción Económica e Social explicou que proxecto inclúe a limpeza da fachada e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e gretas, a eliminación de humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes. Tamén contempla a colocación na fachada dunhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, que xa existían antes da remodelación da Praza de San Marcos. Estes traballos completaranse coa reparación da pintura do Salón de Plenos, que presenta zonas afectadas pola antiga presenza de humidades.

Con esta actuación, “ademais de garantir a conservación do Pazo de San Marcos, contri-buiremos a darlle unha maior prestancia a este edificio histórico”, destacou Pablo Rivera.
A adxudicataria é a empresa Medioambiental Lucense SLU, que ampliou, como mellora, o prazo de garantía en 7 anos ata os 12. O prazo de execución é de 3 meses.

Melloras en tres estradas de Barreiros
Así mesmo, na Xunta de Goberno acordouse a licitación de novas obras de mellora na rede viaria provincial, en concreto, en tres estradas de Barreiros cun investimento de 150.000€. 
Trátase da LU-P-0605, que comunica Benquerencia con Suigrexa, onde se renovará o firme dende o comezo ata o punto quilométrico 1,2; a LU-P-0606, de Benquerencia a Pedregás, cunha actuación do quilómetro 0,473 ao 0,707; e a LU-P-0607, de Benquerencia á Praia da Fontela, na que se acometerán melloras nos dous primeiros quilómetros. Esta é unha estrada moi empregada pola veciñanza porque conecta a Nacional 634 coa LU-P-0610, que discorre paralela á costa de Barreiros e que foi acondicionada pola propia Deputación en dúas fases que sumaron un investimento superior aos 200.000€.
Colaboración co Concello de Navia de Suarna
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración co Concello de Navia de Suarna a través do que a Deputación aporta 100.000€  para adquirir un inmoble denominado Muíño do Médico.

O Concello aportará os 20.000€ restantes para completar o importe da compra deste edificio, que é moi representativo para a Pobra de Navia e a súa veciñanza polo que supuxo na historia da vila.  O Muiño do Médico está situado en plena área recreativa, xunto á praia fluvial do río Navia, e esta compra servirá para poñer en valor o espazo, que poida recuperar a súa actividade principal, que era moer, e sexa un polo de atracción para os visitantes albergando tamén unha exposición de ferramentas tradicionais.

Mantemento de ascensores
A Xunta de Goberno aprobou a licitación, por un importe de 22.000€, do servizo de mantemento de ascensores nos seguintes edificios da Deputación de Lugo: o Pazo Provincial, o Fogar de Santa María, o Museo Provincial, o Servizo de Formación Audiovisual, o edificio da antiga SUPLUSA e o Pazo de Tor. A duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous.