Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación colabora co XXII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira que acolle Xermade esta fin de semana

ENCONTRO INTERNACIONAL DE TORNEIROS DE MADEIRA
Xermade
O Deputado de Promoción Económica e Social asistiu este venres xunto co Alcalde e tamén Deputado, Roberto García Pernas, ao acto de apertura desta cita á que a institución provincial apoia con 6.000€ a través do Plan Único

Pablo Rivera salientou que esta colaboración “é un excelente exemplo das políticas transversais que impulsamos dende a institución provincial para a promoción social e económica do territorio”, e gabou o traballo do rexedor para sacar adiante o encontro

Manifestou que a provincia é punteira na produción da madeira, “pero tamén debemos apostar pola transformación, que pode vir da man do labor dos artesáns ou doutro tipo de proxectos, como o uso da madeira na construción ou a fabricación de pasta téxtil que, esperemos, se converta en realidade en Palas de Rei”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou esta mañá xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, no acto de apertura do XXII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se desenvolve ata o domingo no concello chairego. 

Rivera Capón felicitou ao Alcalde de Xermade e Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, polo traballo que desenvolve o Concello ao organizar estas xornadas, froito dun “traballo continuado e ben feito que iniciou hai máis de dúas décadas, e que converteu a Xermade nun referente da arte da tornaría, un das formas máis bonitas e complexas de traballar a madeira”.

A Deputación de Lugo achega 6.000€, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, para a celebración desta cita. Salientou o Deputado que para a institución provincial “é un orgullo colaborar co Encontro Internacional de Torneiros. É un excelente exemplo das políticas transversais que impulsamos dende a institución provincial para a promoción social e económica do noso territorio. Unhas políticas nas que cada iniciativa ten sentido en si mesma, pero que vai máis alá, aportando valor e creando sinerxías e colaboración noutros campos”. Fixo, así mesmo, unha reflexión arredor da tornaría, “un oficio tradicional que merece a pena recuperar e manter, é parte do noso patrimonio histórico e etnográfico, pero ten moitas posibilidades de futuro no eido da artesanía e no novo repunte do uso da madeira”. 

O Deputado lembrou que falar de madeira “é falar dun sector no que a provincia de Lugo é punteira: en talas, en produción, e en exportacións”. Polo tanto, incidiu, “estamos impulsando o noso sector primario, un sector no que debemos apostar polo valor engadido, pola transformación do produto, que pode vir da man do labor dos artesáns ou doutro tipo de proxectos, como o uso da madeira na construción ou a fabricación de pasta téxtil que, esperemos, se converta en realidade en Palas de Rei”.

Rivera Capón aludiu á imaxe do Encontro deste ano: “vemos a  Mafalda, esa nena universal, xogando cunha buxaina de madeira, unha imaxe que nos lanza un bo consello de cara ó futuro: debemos ter a ilusión e a enerxía dos nenos, e traballar para que, a pesar das dificultades, o mundo siga xirando sobre o seu eixo como unha buxaina ben equilibrada”. “Traballo, ilusión e enerxía son as receitas que aplican no día a día o Alcalde de Xermade e o seu equipo de Goberno nas súas políticas. Receitas que consolidaron este Encontro, que, sen dúbida, seguirá gañando en importancia e en recoñecemento no futuro”.

Apoio ao rural
O Deputado de Promoción Económica e Social apuntou que este Encontro Internacional tamén é unha reivindicación das moitas iniciativas e actividades de alto nivel que se celebran no rural lucense. “Unha maneira de potenciar o rural que, para ter futuro, o que precisa das institucións é apoio e atención, non esquecemento, nin recortes en servizos públicos”.

Puxo o foco en que os tres días do encontro, dende hoxe ao domingo, chegarán a Xermade moitos visitantes e que iso redundará na hostalaría e no comercio local, polo tanto, “é un bo reclamo turístico e unha axuda para a economía”. “Este Encontro Internacional axuda a difundir o nome de Xermade e da provincia de Lugo fóra das nosas fronteiras. Súmase, deste xeito, ás numerosas iniciativas que os Concellos e a Deputación estamos promovendo para consolidar a provincia como un dos destinos favoritos, non só do turismo de proximidade, senón do turismo nacional e internacional”, asegurou Pablo Rivera.