Deputación de Lugo
Turismo

Labores de mantemento de Naturgy no encoro dos Peares obrigan a suspender as rutas polo Miño a partir do 9 de outubro

rutas fluviais
Ribeira Sacra
Belesar
A empresa vén de comunicar á Deputación de Lugo que realizará tarefas no selo inferior das comportas da presa para as que reducirá o nivel da auga, o que imposibilita que as embarcacións poidan navegar con seguridade

A institución provincial porase en contacto coas persoas que xa formalizaran as súas reservas ofrecéndolle alternativas como adiantar a data da viaxe ou realizar a ruta polo Sil, dende Monforte de Lemos, que se manterá operativa ata finais de ano

A Deputación de Lugo informa de que a empresa Naturgy Generation SLU, titular dunha concesión para o aproveitamento de auga no río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica, vén de comunicarlle que ten previsto realizar a partir de outubro un descenso do nivel do encoro dos Peares para realizar o mantemento do selo inferior das comportas da presa.

Isto imposibilita que as embarcacións que cobren a ruta fluvial en catamarán polo Miño, que parte do Saviñao, poidan navegar con seguridade, polo que a institución provincial vese na obriga de suspender este servizo a partir do día 9 de outubro, quedando operativos os catamaráns polo Sil, que saen do embarcadoiro Ponte do Sil, en Monforte de Lemos. 

A Deputación porase en contacto coas persoas que xa fixeran a súa reserva na ruta polo Miño dende o 10 de outubro ata finais de ano, informándoas da situación e facilitándolles alternativas como adiantar a data da viaxe ou realizar a ruta polo Sil.

O percorrido polo Miño funcionará con normalidade ata o 9 outubro, momento no que quedarán interrompidas as viaxes. En concreto, en setembro o servizo funcionará durante toda a semana, con viaxes de luns a domingo. En outubro funcionará as fins de semana dos días 1 e 2 , e do 8 e 9. 

No caso da ruta polo Sil, en setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.


Para información e reservas, as persoas interesadas poden dirixirse á web https://reservas.rutasembalses.es.