Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia a mellora da estrada que une O Torno con Gorgonzo, no Saviñao, por preto de 176.000€

rede viaria provincial
O Saviñao
A institución comeza a rehabilitación do firme dos catro primeiros quilómetros da estrada provincial LU-P-5811, que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao

A Deputación de Lugo acaba de iniciar as obras de mellora do firme da estrada provincial LU-P-5811 que une O Torno con Gorgonzo, no Saviñao. Estas actuacións, que se levarán a cabo nos primeiros catro quilómetros de vía, contan cun orzamento de preto de 176.000€ e un prazo de execución de 9 meses. 

Os traballos inclúen a mellora do firme dos preto de 4 primeiros quilómetros desta vía e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización. Trátase dunha actuación importante, xa que é a vía que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao. 

Este novo proxecto enmárcase na política da Deputación de Lugo para mellorar a rede de estradas de titularidade provincial e, desta forma, a mobilidade dos veciños e veciñas da provincia.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da súa rede viaria, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.