Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación felicita á veciñanza lucense polo apoio á campaña Lugo con Ucraína tras recadar 11.050 euros

Federación de Asociacións de Veciños
A acción, impulsada pola Confederación de Empresarios e a Federación Veciñal e á que se sumaron a institución provincial e o Concello de Lugo, acadou unha elevada implicación social a través da venda de camisetas

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou esta mañá na entrega simbólica a Unicef dos fondos recadados a través da iniciativa solidaria 'Lugo con Ucraína'. Unha acción impulsada pola Confederación de Empresarios e a Federación de Asociacións de Veciños e na que a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo colaboraron xunto a unha ducia de entidades e negocios locais.

No acto tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez, e o tesoureiro da Confederación de Empresarios, Jorge Somoza.

A Deputada destacou que a institución provincial respondeu dende o primeiro momento ante os efectos da invasión de Ucraína polas tropas rusas. “Aprobamos unha axuda económica directa, unha achega de material en bens de primeira necesidade, a través da Cruz Vermella, e a Corporación provincial asinou unha Declaración Institucional condenando a invasión de Ucraína e amosando a nosa solidariedade coa poboación”, sinalou González Abelleira. Así mesmo, felicitou á veciñanza da provincia de Lugo pola sensibilidade e empatía que amosou con esta campaña de concienciación.

Pola súa parte, Méndez agradeceu á cidadanía lucense a súa implicación nesta acción solidaria ‘Lugo con Ucraína’.  “O obxectivo era impulsar a cooperación social na cidade para contribuír a paliar os efectos da catástrofe humanitaria derivada da guerra e os resultados obtidos, con  máis de once mil euros recadados, permiten non só acreditar o acerto da medida senón a vontade solidaria que tan ben nos identifica aos e ás lucenses”, sinalou a rexedora.

A Alcaldesa aproveitou o acto simbólico da entrega deste donativo para incidir na importancia de seguir unindo esforzos e de coordinar o labor de institucións, organismos públicos e voluntariado, “co fin de camiñar xuntos na mesma dirección e que a acción humanitaria que se desenvolva sexa o máis eficaz posible”, afirmou.

En total, a organización puxo á venda, a través de mesas de voluntariado instaladas en diferentes puntos da provincia, un total de 3.000 camisetas, cuxa adquisición e serigrafía foi financiada polas empresas e as Administracións provincial e local. Agora esa recadación faráselle chegar á poboación infantil ucraína a través de Unicef, e en nome da que acudiu a voluntaria directiva, Verónica Mayor Couceiro.