Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación destina 20.000€ ao impulso do Museo Galego do Ferrocarril como motor turístico da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos
muferga
ferrocarril
O Presidente enmarca esta colaboración no firme compromiso que a institución provincial ten coa difusión e a posta en valor da cultura, a historia e o patrimonio, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía, a hostalería, o comercio e o turismo

Esta achega servirá para sufragar os gastos e a actividade diaria do MUFERGA, que exhibe en Monforte de Lemos importantes fitos do sector ferroviario e que o sitúan como un dos museos vivos máis importantes do país

A Deputación de Lugo destina 20.000€ ao impulso do Museo Galego do Ferrocarril (MUFERGA), situado en Monforte de Lemos, como motor turístico da Ribeira Sacra. Unha achega que se materializa a través dun convenio de colaboración asinado entre o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o representante do MUFERGA, Javier Arias Fouz. 

Tomé Roca subliña que esta colaboración, destinada a sufragar gastos correntes de xestión e de actividade do museo, “se enmarca no firme compromiso que a Deputación ten coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía, o sector hostaleiro, o comercio e o turismo”. Resalta, así mesmo, o labor que vén desenvolvendo a pinacoteca, acadando importantes fitos na preservación do patrimonio histórico, industrial e cultural de Galicia en todo o vencellado co sector do ferrocarril. 

O MUFERGA foi inaugurado no ano 2001 e está xestionado pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, da que é patroa a Deputación de Lugo. Nel desenvólvense proxectos para a exhibición pública do parque móbil ferroviario cun alto valor e interese turístico e cultural, “tanto as instalacións como o propio material que atesoura convérteno nun dos museos vivos máis importantes do país, visitado anualmente por multitude de turistas nacionais e internacionais”, indica o mandatario provincial. Entre as súas actividades destacan as visitas guiadas e o percorrido que se realiza polo complexo nun tren de pequenas dimensións, dous atractivos que son moi apreciados polos visitantes. 

“O museo dispón dun gran potencial para dinamizar o noso turismo, a nosa cultura e a vida social de Monforte e da provincia, e debemos velo como unha excelente oportunidade para continuar avanzando para posicionarnos como un destino turístico estrela fóra dos meses estivais”, afirma o Presidente.