Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación mantén o compromiso cos veciños de Portomarín cun novo convenio de colaboración para crear unha residencia adaptada ao modelo provincial

A Xunta de Goberno deu luz verde ao acordo co Concello, que contempla un investimento da institución provincial de 1,6M€

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a tramitación e sinatura dun novo convenio de colaboración da institución provincial co Concello de Portomarín para crear un Centro de Atención a Maiores adaptado ao modelo asistencial  provincial, “que é xa un referente no ámbito dos coidados ás persoas, dentro e fóra de Galicia”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. Este acordo, informou a Deputada, inclúe resolver o convenio de 2018 e asinar un novo, no que a Deputación de Lugo achega 1,6M€ para o proxecto e o Concello 200.000€. 

A voceira recalcou que a Deputación segue cumprindo desta forma “a palabra dada” polo Presidente ao inicio do mandato de “respectar todos e cada un dos compromisos desta institución cos concellos en materia de residencias”, aínda que, lamentablemente, engadiu, “o teñamos que facer sen apoio ningún da Xunta de Galicia, que está ignorando as competencias que lle atribúe a Lei en Servizos Sociais”.

Pilar García Porto recordou que o anterior convenio de colaboración “contemplaba a construción de apartamentos tutelados en Portomarín, e con base nel, adxudicáronse as obras, pero, tal e como determinaron os técnicos, foi necesario resolver o contrato, a petición expresa da propia empresa adxudicataria”. Así mesmo, sinalou que este convenio vén dun acordo co Concello de Portomarín, co que, sinalou, “mantemos o compromiso de construír unha residencia neste municipio, pero seguindo o modelo asistencial que temos na institución provincial, de pequenos centros, cunha atención centrada nas persoas, que favorece ao arraigo dos maiores e crea actividade económica e emprego nas zonas nas que se implanta”. 

O Goberno provincial rematará este mandato con 9 centros de atención a maiores en funcionamento –en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- e segue traballando para sacar adiante outros nove proxectos en Portomarín, Guitiriz, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Becerreá, Pantón, Folgoso do Courel, Cervantes e Ourol.


Informática

A voceira socialista informou tamén da aprobación na Xunta de Goberno da licitación por un importe de 72.076,11€ do contrato de subministro de licencias de software técnico específico para a Deputación de Lugo, dividido en dous lotes: un de deseño técnico, arquitectura, enxeñería e construción, e outro de deseño gráfico e asistencia técnica. Terá unha duración dun ano, con posibilidade de dúas prórrogas dun ano de duración cada unha.

Por outra banda, acordouse sacar a licitación por un importe de 17.000€ o subministro, posta en marcha e mantemento da aplicación informática para facilitar o desenvolvemento do control interno por parte do servizo provincial de intervención. A duración do contrato será dun ano, 6 meses e 10 días, sendo prorrogable anualmente o servizo, sen que a duración total exceda dos tres anos, 6 meses e 10 días.