Deputación de Lugo

O Presidente: “A Casa Museo de Cuba en Láncara servirá para conservar e fortalecer a tupida rede de lazos económicos e afectivos trazada pola emigración lucense e galega coa illa”

Láncara
Casa Museo de Cuba
José Tomé Roca participou na inauguración da Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega, promovida pola Asociación Amistad y Solidaridad Láncara-Cuba, xunto ao primeiro tenente de Alcalde lancarés e Deputado provincial, Pablo Rivera, e o Embaixador de Cuba en España, entre outras autoridades

“Dende a Deputación impulsamos a cultura porque, xunto ao emprego, a actividade económica e os servizos públicos básicos, o rural necesita estar nos circuítos culturais con centros de interese, coma este Museo, que manteñan viva a memoria, estimulen o orgullo de pertenza e promovan o turismo que aporta valor social e económico”

“Todos os museos teñen o seu propio carácter, pero este é, sen dúbida, especial, porque Cuba ocupa un lugar sinalado no corazón dos lucenses. Sabemos que no século XX chegaron ao país uns 378.000 galegos e galegas, o que supón o 45% da emigración española nese período, e Lugo foi a provincia galega que maior capital humano aportou”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves en Láncara na inauguración da Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega en Cuba, un acto no que se mostrou convencido de que este equipamento “servirá para conservar a nosa historia conxunta e xerar novas ideas de cara ao futuro que fortalezan a tupida rede de lazos económicos e afectivos que trazou a emigración lucense e galega, e que segue unindo hoxe ó nosos respectivos pobos”. 

Tomé Roca asistiu á inauguración do centro, promovido pola Asociación Amistad y Solidaridad Láncara-Cuba, xunto ao xunto ao primeiro tenente de Alcalde lancarés e Deputado provincial, Pablo Rivera; o Embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina; a Deputada na Asemblea Nacional de Cuba, Mariela Castro; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o presidente do colectivo promotor do museo, Antonio Sobrado; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deputados e deputadas provinciais e membros da Corporación local, entre outras autoridades.

O Presidente subliñou que a Deputación de Lugo pon en valor a cultura do rural e impulsa os equipamentos culturais no rural, “porque a cultura ten un valor en si mesma, pero é tamén un factor esencial para o desenvolvemento económico do noso territorio e un elemento clave nas políticas fronte ao reto demográfico”. “Para frear o despoboamento, debemos actuar dun modo transversal, atendendo aos factores demográficos, fomentar o emprego e a actividade económica, e, por suposto, garantindo uns servizos públicos básicos, en materia de sanidade, de educación, de atención á terceira idade ou de dependencia, que sexan próximos, universais e de calidade”, asegurou o mandatario provincial.

Sen embargo, explicou, “para manterse vivo, o rural necesita tamén integrarse nos circuítos culturais, con centros de interese, como esta Casa Museo, que manteñan viva a memoria, que estimulen o orgullo de pertenza e que actúen como un punto de atracción de ese turismo que cada vez aporta un maior valor social e económico ao noso rural”.

José Tomé sinalou que todos os museos teñen o seu propio carácter, “pero este é, sen dúbida, un museo especial, porque Cuba ocupa un lugar especial no corazón dos lucenses, e dos galegos e galegas”. “Sabemos que ao longo do século XX chegaron a Cuba uns 378.000 galegos e galegas, o que representa o 45% da emigración española á illa nese período, e Lugo foi a provincia galega que maior capital humano aportou”, lembrou. 

En Galicia, engadiu, “case todos tivemos polo menos un familiar en Cuba. As historias que os nosos pais e avós nos contaban de nenos estaban cheas de alusións a cores do Caribe, a outros acentos, outras músicas, outra maneira de mirar ao Atlántico”. 

“Lucenses e galegos viaxaron y foron acollidos nunha terra que nunca sentiron allea, para traballar, para xerar riqueza, trazando una tupida rede de lazos económicos e afectivos que sigue unindo hoxe aos nosos respectivos pobos”, recalcou o Presidente.

Desta forma, sinalou, “non é casualidade que o autor que mellor definiu o rural galego, Xosé Neira Vilas -o “pai” de Balbino- fose tamén un namorado de Cuba e da súa cultura. Como dixo nunha entrevista: “Son dous amores, Galicia e Cuba, que non se contrapoñen, senón que se complementan e conflúen”.

Relacións vivas e puxantes

“Nin a distancia xeográfica, nin os distintos avatares da historia puideron separar a galegos e cubanos. As relacións persoais mantivéronse sempre vivas, puxantes, destacou o Presidente, engadindo que, “afortunadamente, xa fai varias décadas que as distintas administracións españolas traballaron coas cubanas para normalizar unhas relaciones institucionais á altura de noso legado histórico e afectivo”.

“Estou seguro”, recalcou o mandatario provincial, “de que este Museo que inauguramos hoxe será un novo foco para conservar esa historia conxunta, e será o xermolo de novas ideas para seguir traballando xuntos no futuro. Porque a historia compartida de galegos e cubanos se define en torno ao afecto, a concordia, o traballo e a busca do mellor para as nosas respectivas sociedades”.