Deputación de Lugo

O Presidente pon en valor o compromiso do Goberno de dotar ao rural lucense de conexión a internet ultrarrápida

Internet
José Tomé Roca reuniuse coa Subdelegada do Goberno e coa empresa Adamo que nos próximos meses estenderá a fibra óptica nos concellos de Abadín, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Pontenova e Riotorto

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, puxo este mércores en valor o compromiso do Goberno de dotar ao rural lucense de conexión ultrarrápida a internet. Unhas declaracións que fixo logo dunha xuntanza que mantivo coa Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o responsable da empresa Adamo Galicia, David Llano, que deu conta dos traballos que a compañía ten en execución para despregar a fibra óptica na provincia de Lugo coa financiación do Goberno.

Destacou Tomé Roca que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital avanza no obxectivo de proporcionar conectividade  ao rural da provincia coa segunda convocatoria de axudas do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha que destina outros 12,3 millóns de euros para financiar proxectos na provincia de Lugo. 

Pola súa banda, a subdelegada lembrou que esta nova convocatoria de axudas, lanzada hai un mes, inscríbese na decisión do Goberno de levar a banda ancha a toda a provincia. A nova convocatoria de axudas súmase aos investimentos que xa están a mobilizar, por importe de máis de 23,7 millóns de euros, a través do Plan PEBA e a primeira convocatoria do Plan UNICO. Ambos os dous están en execución e contan con subvencións do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que achega 15,9 millóns de euros de axudas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

Co Plan PEBA, a empresa Adamo xa levou a fibra óptica a vivendas situadas en 35 concellos da provincia e nos próximos meses ten previsto realizar obras para despregar Internet ultrarrápido noutros 8 municipios. Concretamente traballará para dotar de fibra óptica a vivendas de Abadín, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Pontenova e Riotorto que a finais do verán contarán coa conexión a Internet ultrarrápida, co que a finales de ano serán 80.000 as vivendas conectadas.