Deputación de Lugo
Emprego
Formación

A Deputación de Lugo oferta 43 prazas de prácticas para alumnado da USC en 8 servizos da institución provincial

USC
universidade de Santiago de Compostela
PRACTICAS
Este venres constituíuse a Comisión de Seguimento do convenio asinado entre o Presidente e o Reitor da Universidade de Santiago para seguir mellorando a formación dos alumnos e alumnas

Poderán incorporarse a partir do vindeiro curso 2022-2023 para estas prácticas que computarán para a obtención dos títulos co carácter establecido no plan de estudos. No caso das extracurriculares figurarán no expediente e no Suplemento Europeo ao Título, cando sexa antes da finalización dos estudos

A Universidade poderá propoñer novas prazas que considere relevantes para enriquecer a formación do alumnado que cursa estudos tanto no Campus de Lugo como de Santiago

Ata o de agora, cada facultade interesada tramitaba un convenio específico coa Deputación, pero este acordo cubre a totalidade das titulacións oficiais de grao e máster que ofrece a Universidade, “co que ampliamos as posibilidades dos alumnos para facer prácticas e gañamos axilidade e eficacia” na tramitación, destacou García Porto

Ademais deste convenio, ao longo do curso xa melloran a súa formación 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior na Granxa Experimental de Leite da Deputación en Gayoso Castro

A Deputación de Lugo oferta 43 prazas de prácticas para o alumando da Universidade de Santiago de Compostela para completar a súa formación en 8 servizos da institución provincial. Así se acordou este venres na primeira reunión da Comisión de Seguimento do convenio que as dúas entidades asinaron para facilitarlle ao alumnado a realización de prácticas na institución provincial. 

O alumnado poderá comezar o seu período de prácticas baixo este convenio no vindeiro curso escolar, agás de xeito excepcional tres alumnas do Máster en Dirección de Proxectos que se incorporarán nas vindeiras semanas. Esta foi outra das decisións tomadas neste encontro, no que participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o vicerreitor do Campus Terra, Francisco José Fraga López, e o secretario xeral da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero.

As prazas son as seguintes: 

 

  • 1 praza para o departamento de Arquitectura do Grao de Enxeñería Civil.
  • 4 prazas para o Gabinete de Comunicación. 2 do Grao en Xornalismo e 2 do Grao en Comunicación Audiovisual.
  • 1 praza para o Servizo de Audiovisuais do Grao en Xornalismo ou do Grao en Comunicación Audiovisual.
  • 3 prazas para a área de Medio Ambiente do Máster en Dirección de Proxectos.
  • 4 prazas para a Asesoría Xurídica. 2 do Grao en Dereito e 2 do Grao en Relacións Laborais.
  • 27 prazas en Benestar Social. 9 do Grao en Psicoloxía, 9 do Grao en Enfermería, 9 do Grao en Traballo Social.
  • 1 praza para a Secretaría Xeral do Dobre Grao en Dereito e Relacións Laborais, do Grao en Ciencia Política e da Administracións, do Grao en Dereito, do Máster en Avogacía ou do Máster en Goberno Local e Políticas Innovadoras. 

Esta oferta deberá ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación. A maiores, a Universidade poderá propoñer novas prazas que considere relevantes para enriquecer a formación do alumnado que cursa estudos tanto no Campus de Lugo como de Santiago. 

García Porto detalla que este acordo coa Universidade “forma parte da extraordinaria relación de colaboración que vimos mantendo a Universidade de Santiago e a Deputación de Lugo, neste caso para mellorar a formación do alumnado con prácticas nos distintos servizos da institución provincial“. Explica que ata o de agora, cada facultade interesada tramitaba un convenio específico coa institución provincial, pero este acordo cubre a totalidade das titulacións oficiais que ofrece a Universidade. 

Este é un convenio que permite que o alumnado de calquera facultade poida facer prácticas na Deputación. “Desta forma, ampliamos as posibilidades dos alumnos para facer prácticas, e gañamos axilidade e eficacia porque este convenio serve para calquera facultade e para calquera servizo da Deputación, e xa non haberá que tramitar un por cada facultade”, valora a Deputada. Engade, así mesmo, que este convenio reforza a colaboración coa Universidade de Santiago e co seu Campus de Lugo, “que é un dos motores da provincia, tanto pola súa propia actividade, como pola transferencia de coñecemento que fai á sociedade e ó tecido económico, sobre todo ó sector primario”.

Grazas a este convenio, o alumnado de calquera titulación oficial de grao e máster poderá optar a prácticas curriculares -contempladas nos plans de estudos-, traballos de fin de grao ou mestrado -segundo se contempla nos plans de estudos e demais normativa de aplicación- ou extracurriculares ou complementarias. Unhas prácticas que computarán para a obtención dos títulos co carácter establecido no plan de estudos e que no caso das extracurriculares figurarán no expediente e no Suplemento Europeo ao Título, sempre que se realizaran antes da finalización dos estudos.

A Deputación de Lugo e a USC xa viña mantendo unha importante colaboración en materia de prácticas, sobre todo na Granxa Experimental de Leite, onde ao longo deste curso melloran a súa formación 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior. 


Apoio decidido e continuado ao Campus Terra
García Porto recorda que a Deputación de Lugo “foi clave para crear o Campus de Lugo,  e segue sendo clave para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade”. “A día de hoxe, somos a Deputación de España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”, destaca. 

A Deputación mantén un convenio de colaboración económica anual por importe de 420.500€ -dos que a institución provincial achega 370.500€- para dar soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo. A maiores, a Deputación colabora coa Universidade en múltiples iniciativas e proxectos, como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro.