Deputación de Lugo
Innovación e TIC

Alumnos do Centro de Audiovisuais da Deputación, premiados nun concurso de curtas convocado por Netflix e Turespaña

Servizo de Audiovisuais
Amor viajero. Un viaje para el recuerdo, premiado con 7.000€, é unha das cinco ideas gañadoras do concurso de curtas Cómo dirías que es España sin decirlo

O premio deberá destinarse a producir, filmar e postproducir este proxecto antes de que remate o ano

Ata o 30 de xuño está aberto o prazo de preinscrición para as persoas interesadas en formarse nos Ciclos Superiores de Realización e Produción do Centro da institución provincial

Un grupo de alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo gañou un dos cinco premios do I Concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, convocado por Netflix e Turespaña. O proxecto, titulado Amor viajero. Un viaje para el recuerdo foi premiado con 7.000€, que deberán destinase a producir, filmar e postproducir a curta antes de que remate este ano 2022.

Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño, que veñen de rematar o primeiro curso de Realización no centro lucense, presentaron o pasado 14 de xuño a súa idea a responsables de Netflix e Turespaña nun pitch no que contaxiaron o seu entusiasmo. Isto foi definitivo para que Amor viajero resultara finalmente premiado, xunto cos proxectos dos centros de Langreo, Zaragoza, L’Hospitalet e Granada.

Unha viaxe pola memoria

Ao longo do curso os estudantes compatibilizaron as súas obrigas académicas coa elaboración dun proxecto que se adaptase ás bases do concurso organizado por Netflix e Turespaña. Debía plasmar a esencia de España, das súas xentes, paisaxes, tradicións ou gastronomía, amosando formas de vida sostibles que coiden o medio ambiente, a economía e o patrimonio socio-cultural. Os alumnos, supervisados polo seu titor, Hugo Fernández, escribiron unha emocionante historia na que, ademais do aspecto turístico, abordan outros asuntos, como o Alzheimer e a visibilidade LGTBI.

Amor viajero conta a historia de Eugenia, unha anciá que comeza a ter problemas de memoria. Cando a súa neta atopa unas vellas fotografías da súa mocidade parece recuperar a lucidez. Como terapia, a rapaza decide percorrer os destinos das fotografías replicándoas para estimular os recordos da súa avoa, entre os que xurde un amor de xuventude.

Pasos para a elaboración da curta

O proxecto realizarase baixo a supervisión do Centro e dos organismos convocantes. Ata o próximo mes de outubro levarase a cabo a produción da curtametraxe. A fase de postprodución terá lugar entre outubro e decembro de 2022. Os equipos seleccionados editarán as curtas e realizarán todo o acabado posterior necesario para entregar pezas de alta calidade ao final do proceso. Os audiovisuais deberán estar rematados antes do 5 de decembro.

A preinscrición aberta ata o 30 de xuño

Os mozos e  mozas interesados en formarse no Centro de Formación Audiovisual da Deputación teñen de prazo ata este xoves, 30 de xuño, para preinscribirse nos Ciclos Superiores de Produción e Realización para o curso que vén. O período da matrícula ordinaria, que é gratuíta, será do 12 ao 29 xullo. Nesta ligazón da páxina web provincial as persoas interesadas poden acceder a toda a información sobre os ciclos audiovisuais da Deputación: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula
 

Amor Viajero