Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia novas obras de mellora na estrada de Sober a Doade cun investimento de case 120.000€

infraestruturas
doade
Sober
Este mércores arrancaron os traballos na LU-P-5903 que consisten na ampliación do ancho da vía, drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal que garanta a seguridade viaria e a comodidade da veciñanza e dos visitantes

A Deputación destina 355.000€ a esta estrada, na que arranxou hai uns meses o treito anterior cun investimento de 100.000€, e ten en licitación novas actuacións por 135.000€ para dar continuidade a estes proxectos

A Deputación de Lugo comezou este mércores novos traballos de mellora da estrada  provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade. Uns traballos nos que a institución inviste preto de 120.000€ para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13,740 e 14,480. 

Estas obras dan continuidade a uns traballos executados no anterior tramo, entre os quilómetros 13 e 13,740 cun investimento de 100.000€. Agora a institución ten en fase de licitación novas actuacións na vía, do 12,845 ao 15,350 por importe de 135.000€. Polo tanto, o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 355.000€.

Con respecto ao proxecto que se está acometendo, os labores consisten na ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación e sinalización horizontal. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

A institución provincial recalca que estas obras non só benefician aos veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a comarca da Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas.

17,3M€ á mellora das comunicacións
Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico da cidadanía porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. 

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.