Deputación de Lugo
Economía

O Presidente: “A aposta polos produtores de proximidade é, hoxe máis que nunca, unha aposta de futuro, unha necesidade como país”

feira san isidro
barrio da Milagrosa
Milagrosa
José Tomé Roca foi o pregoeiro da 25 edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa que “reivindica a calidade das materias primas do noso rural, dos produtos de proximidade, e do traballo dos nosos produtores e artesáns”

O mandatario provincial destacou as potencialidades do rural da provincia de Lugo e reivindicou uns servizos públicos de calidade para “que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos de vida” e evitar así o despoboamento

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este venres o pregón da 25 edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Cidre que se celebra esta fin de semana na praza lucense da Milagrosa. Na súa intervención, que tivo lugar no salón de actos do colexio Salesianos, o mandatario provincial destacou que “a aposta polos produtores de proximidade e, hoxe máis que nunca, unha aposta de futuro, unha necesidade como país”.

Tomé Roca tamén puxo en valor as potencialidades do rural da provincia de Lugo e reivindicou uns servizos públicos de calidade para evitar así o despoboamento: “Queremos para Lugo un futuro cun rural dinámico e vivo. Un rural que xere emprego estable. Un rural con centros educativos, con sanidade ou con centros para as persoas maiores. Un rural no que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos de vida”. Tamén aproveitou o Presidente para felicitar á veciñanza pola organización dunha feira que “reivindica a calidade das materias primas do noso rural, dos produtos de proximidade, e do traballo dos nosos produtores e artesáns”.

O Presidente ratificou o seu compromiso co barrio da Milagrosa e da provincia: “Síntome moi honrado e moi agradecido de estar hoxe aquí, e síntome moi afortunado de que a miña actividade á fronte da Deputación de Lugo me permitise renovar a miña relación con este barrio dende unha nova perspectiva: Traballando e colaborando para que A Milagrosa, igual que o conxunto da nosa provincia, mellore e avance, en calidade de vida e en actividade económica. Este é e seguirá sendo o meu compromiso”.
A feira de San Cidre servirá estes días -20, 21 e 22 de maio- para dinamizar o barrio lucense da Milagrosa con actuacións culturais, degustacións e cunha trintena de postos procedentes de diferentes puntos de Galicia e Asturias. 

A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración coa Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, cunha achega anual de 15.000€ e apoia tamén esta feira coa elaboración de dúas degustacións de embutidos e queixos da provincia.

 

Pregón do Presidente da Deputación

Boas tardes a todos e todas,

Benvidos e benvidas a esta nova edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa. Unha feira que, no seu 25 aniversario, volve a parecerse ó que sempre foi ó longo da súa historia: Unha xuntanza alegre, arredor da boa conversa, da boa comida, no mellor escaparate para poñer en valor os produtos rurais tradicionais da provincia de Lugo. 

En definitiva, benvidos á feira de San Cidre Labrego.

Esta Feira reivindica a calidade das materias primas do noso rural, dos produtos de proximidade, e do traballo dos nosos produtores e dos nosos artesáns. Unha reivindicación que é unha  mostra de respecto polo pasado, a expresión do desexo de manter vivas as nosas tradicións e as nosas sinais de identidade, pero tamén é, unha aposta polo futuro da nosa provincia, especialmente polo futuro do noso rural.

Queremos para Lugo un futuro cun rural dinámico e vivo. Un rural que xere emprego estable. Un rural cos mesmos servizos públicos esenciais e de calidade cos que contan os espazos urbanos. Un rural con centros educativos, con sanidade ou centros para as persoas maiores. Un rural no que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos de vida.

As sociedades, como as persoas, definímonos pola nosa resposta ante as adversidades. E en Lugo somos xente loitadora, que non nos vimos abaixo.

Levamos uns anos vivindo tempos moi duros: a pandemia primeiro, co seu impacto económico, e agora as consecuencias da terrible guerra que asola o Leste de Europa. 

Destes momentos tan complicados tamén se poden sacar conclusións positivas. Entre elas, a importancia de contar cun sector primario forte e diversificado. Un sector agroalimentario que garanta o subministro e que reduza a dependencia de terceiros países, para darlle vida ó noso rural. 

A aposta polos pequenos produtores, polos produtores de proximidade, é, hoxe máis que nunca, unha aposta de futuro, é unha necesidade como país.

Os produtos de proximidade, os produtos de calidade dan valor, por suposto, ó sector primario, pero convértense ademais en elementos centrais dunha oferta gastronómica e turística que contribúe a situar á nosa provincia como un lugar preferente de destino, tanto en Galicia como no conxunto de España e, cada vez máis, nas rutas de turismo internacional. Xa saben aquelo de “e para comer Lugo”.

Estou seguro de que neste camiño vai seguir traballando no futuro a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do barrio da Milagrosa, á que quero felicitar de novo por esta Feira, que cada ano gaña maior proxección, e coa que colaboramos dende a área de Turismo da Deputación.

Aquí póñense en valor todos os produtos do noso agro. Queixo, mel, verdura, froita... Percorrer esta Feira é ver despregados diante de nós todos os produtos do campo lucense; é como viaxar por toda a provincia percorrendo só uns poucos metros. 

Neste sentido, a Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa recolle ben a personalidade deste barrio tan senlleiro e con tanta personalidade. Un barrio cheo de vida, integrador, aberto. Un barrio que naceu acollendo a xente que chegaba dende todos os puntos da provincia e que segue medrando hoxe acollendo a persoas de distintas orixes e culturas. Sempre sumando, unindo, agarimando, integrando e dando un exemplo de dinamismo e de boa veciñanza.

Eu alégrome de que teñan como Patrón a San Isidro Labrador, San Cidre Labrego, porque é un Santo que eu celebrei moitas veces debido á miña profesión, e que era un gran home. Miren si era bo, que mentres el rezaba, os bois araban sos.

Como iso so lle pasou a San Cidre, e ós demais os bois non lles araban sos, a igrexa inventou aquelo de “ora et labora”, é dicir, reza e traballa.

Si deixamos ó Santo que siga arando, a Milagrosa é o barrio de todos e todas os lucenses. Por iso, eu síntome hoxe moi honrado de falar aquí como pregoeiro, porque A Milagrosa tamén é un barrio que levo no corazón, como parte de min.

Gardo fermosos recordos da infancia que vivín aquí ó lado, onde residían daquela membros da miña familia. Vir para estar con eles era a antesala das festas de San Froilán.

Na infancia, os días parecen moito máis longos, e eu recordo as tardes xogando na rúa cos amigos, porque é imposible visitar a Milagrosa e non facer amigos. 

Daquela, boa parte da calzada estaba aínda sen asfaltar, e o chan de terra, de xabre, era o mellor campo de xogo no que pasar o tempo ata que a caída da noite nos levaba cara as atraccións das festas.

O tempo pasa. As calzadas están hoxe asfaltadas e a cidade conta con servizos públicos e con parques e xogos infantís que nos meus tempos non podería nin imaxinar. Recentemente inauguramos un, para o que a Deputación aportou unha fonte.

O tempo pasa, pero A Milagrosa segue sendo ese barrio alegre, cheo de vida, acolledor, integrador, que recibe a cada visitante con cariño e cos brazos abertos.

Así o sigo sentindo hoxe, cada vez que, como Presidente da Deputación, teño a oportunidade de colaborar con algunha das iniciativas que propoñen os veciños e  veciñas deste barrio para seguir mellorando a vida da xente. 

Síntome moi honrado e moi agradecido de estar hoxe aquí, e síntome moi afortunado de que a miña actividade á fronte da Deputación de Lugo me permitise renovar a miña relación con este barrio dende unha nova perspectiva: Traballando e colaborando para que A Milagrosa, igual que o conxunto da nosa provincia, mellore e avance, en calidade de vida e en actividade económica. Este é, e seguirá sendo o meu compromiso.

Veciños e veciñas da Milagrosa, pedimos a protección de San Isidro Labrador, San Cidre Labrego, pero aínda que o Santo teña boa intención, creo que os bois a nós non nos van arar sos, así que, teremos que seguir arando nós.

Nada máis. Moitas felicidades á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa por esta feira e por todo o traballo que fan por este barrio, e moi boa feira a todos e a todas!

Moitas gracias.