Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente reivindica un Plan Industrial para A Mariña na clausura das XXIX Xornadas Técnicas de Expomar

Expomar
Burela
José Tomé Roca participou en Burela na última xornada deste foro, destacando o seu importante labor de potenciación do carácter pesqueiro da provincia e que sitúa á Mariña como referente á hora de abordar os problemas e incertezas do sector, así como a mellora
do seu valor e competitividade

Salientou o mandatario provincial que o sector primario e a pesca representan o 15% do emprego na provincia de Lugo, e que “o mundo do mar, a pesca, é fundamental para A Mariña, por tradición, por cultura e por volume económico e impacto no emprego”

“Dende a Deputación de Lugo seguimos reivindicando que é imprescindible deseñar e poñer en marcha canto antes un Plan Industrial por parte da administración coas competencias nesta materia, que no caso de Galicia, é a Comunidade Autónoma, que aproveite a enorme riqueza e as potencialidades que temos”, incidiu

Afirmou que a pesca sempre foi unha actividade estratéxica, pero que a pandemia e a invasión de Ucraína ratifican a importancia de contar con sectores primarios fortes e con sistemas de abastecemento complementarios das grandes rutas do comercio mundial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres en Burela na clausura das XXIX Xornadas Técnicas de Expomar que acolleu durante dous días o salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela. Un acto no que tamén estiveron presentes a Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, o presidente de Expomar e Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e en representación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Narciso González.  

Tomé Roca felicitou á organización por lanzar un ano máis este foro co que colabora a Deputación de Lugo, pero sobre todo polo “traballo de apoio e de promoción da actividade náutico pesqueira que vén desenvolvendo ao longo da súa historia, e nestes últimos anos baixo a presidencia do Alcalde de Burela, Alfredo Llano”. Manifestou que as Xornadas Técnicas de Expomar “converten a Burela e á comarca da Mariña no centro de debate sobre o sector pesqueiro en Lugo e en Galicia. Un espazo aberto, de reflexión, de análise e de propostas que reúne ao sector, ás administracións e distintos axentes sociais, e que, ao meu entender, consegue dous obxectivos moi importantes para a provincia”. 

Explicou eses dous obxectivos incidindo, por unha banda, que “potencia o carácter pesqueiro da nosa provincia, pois o sector primario e a pesca representan o 15% do emprego na provincia de Lugo. O mundo do mar, a pesca, é fundamental para A Mariña, por tradición, por cultura e por volume económico e impacto no emprego, un impacto que, se cabe, aínda é hoxe máis importante ante a perda de actividade industrial que, lamentablemente, sufriu esta comarca nestes últimos anos, e que para recuperar, dende a Deputación de Lugo seguimos reivindicando que é imprescindible deseñar e poñer en marcha canto antes un Plan Industrial por parte da administración coas competencias nesta materia, que no caso de Galicia, é a Comunidade Autónoma”. Demandou Tomé Roca “un Plan Industrial para A Mariña e para a provincia de Lugo que aproveite a enorme riqueza e as potencialidades que temos”.  

Por outra banda, referiu que estas Xornadas Técnicas de Expomar conseguen outro obxectivo moi importante, “pois sitúan a Burela, á Mariña e ao conxunto da provincia como referentes á hora de abordar os problemas e incertezas do sector, e á hora de seguir avanzando para mellorar no valor engadido e na competitividade da pesca”. Repasou, nese sentido, os temas sobre os que xirou esta 29 edición, como son a sustentabilidade pesqueira e o mercado europeo, e a sustentabilidade, a saúde e os comportamentos de compra, e subliñou a excelencia dos poñentes de primeiro nivel que toman parte neste encontro.

Nas súas palabras incidiu en que a sustentabilidade é unha cuestión fundamental para o sector pesqueiro, pero tamén para calquera actividade económica. “Unha sustentabilidade que se ten que entender nun dobre sentido, temos que garantir a explotación sostible dos recursos, o respecto ao medio ambiente, pero precisamos políticas pesqueiras que garantan a propia pervivencia dunha actividade económica e sociocultural que é estratéxica e esencial”.

A pesca, unha actividade estratéxica

O Presidente da Deputación afirmou en varias ocasións que a pesca sempre foi unha actividade estratéxica, pero que esta pandemia e a invasión de Ucraína “ratifican a importancia de contar con sectores primarios fortes, de ter sistemas de abastecemento complementarios das grandes rutas do comercio mundial, que poidan achegar alimentos á poboación se esas grandes rutas quedan interrompidas”.

Ademais, dixo, “a pesca é riqueza en si mesma, pero tamén é un elemento que axuda á promoción do territorio e á captación de turismo”. Puxo como exemplo programas que a Deputación ten en marcha como Coñece a túa provincia cuxos participantes valoran os portos e a actividade pesqueira como un atractivo fundamental da costa lucense, ou o programa Saborea a túa Provincia, onde os produtos do mar acadan un enorme recoñecemento. 

Outro exemplo que puxo o mandatario provincial desta excelencia foi cando no evento culinario Madrid Fusión, celebrado en marzo, “o actor Robert de Niro pedía pan para mollar na salsa dun plato que lle preparara o chef Martín Berasategui. O plato eran unhas cocochas de merluza de Burela. Polo tanto, un dos mellores actores do mundo, servido por un dos mellores cociñeiros da historia, degustando un dos manxares máis saborosos, procedente da Mariña”, referiu. 

“Este é o nivel de excelencia dos produtos pesqueiros desta comarca e da nosa provincia. E este é o nivel de recoñecemento e de proxección que busca, ano tras ano, o traballo de Expomar”, afirmou, reiterando o compromiso que a Deputación de Lugo ten e seguirá mantendo a Expomar, “porque o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, é unha das liñas de actuación prioritarias nas que estamos traballando dende a institución, en colaboración con Expomar e en colaboración co tecido asociativo e produtivo da provincia”.

As xornadas

As Xornadas Técnicas están organizadas pola Fundación Expomar co fin de reflexionar sobre diferentes temáticas que afectan ao sector pesqueiro. Neste ano, a temática centrouse en debater arredor do novo escenario marcado polas dificultades e desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nunha época de diferentes crises que lle afectan directamente. 

Trátase dun foro aberto ao público que se puido seguir tanto de maneira presencial como telemática, coa finalidade de lograr a máxima participación posible. A primeira xornada, celebrada onte, titulouse Xestión pesqueira e mercado europeo e contou coas intervencións de Javier Garat, secretario general de CEPESCA e presidente de Europêche; Ignacio Gandarias Serrano, director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do MAPA; Daniel Voces, director de Europêche, e Pedro Reis, secretario do Consello Consultivo de Mercados MAC. Esta primeira sesión estivo moderada polo secretario xeral do Comité Consultivo de Pesca de Aguas Lejanas LDAC, Álex Rodríguez.

A segunda xornada, a deste venres, celebrouse baixo o título Sostibilidade, saúde e comportamentos de compra, e contou coas intervencións de Cristina Cucullo, mánager da área de consumidor de KANTAR; Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC e membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do corazón. Estivo dirixida pola secretaria adxunta de CEPESCA, Rocío Béjar.