Deputación de Lugo
Turismo

Tiro con arco na Fonsagrada e BTT en Guitiriz, as propostas desta fin de semana no Actívate da Deputación

Actívate

Terceira fin de semana do programa Actívate. A proposta de turismo activo e aventura que impulsa a Deputación de Lugo ata o mes de xullo chega este sábado ao concello da Fonsagrada, cunha actividade de tiro con arco, e o domingo recalará en Guitiriz para que os inscritos poidan percorrer a ruta da Cova da Serpe en bicicletas de montaña.

As 15 prazas para participar mañá, 14 de maio, na cita coa BTT en Guitiriz xa están cubertas. Os apuntados poderán coñecer unha ruta nun dos enclaves xeolóxicos máis importantes da comunidade, con sendeiros cheos de elementos naturais para rematar nun impresionante miradoiro. Para a actividade do domingo de tiro con arco na Fonsagrada quedan aínda dúas prazas e poden participar persoas, a partir dos 8 anos, que queiran iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades nas modalidades de tiro olímpico e tradicional.

Son propostas gratuítas, para todos os públicos, co obxectivo de apoiar ao sector da hostalaría, o turismo e o comercio, ao tempo que se avanza nun modelo de turismo de calidade e sostible.

As persoas interesadas en participar a vindeira fin de semana nunha actividade de iniciación á equitación, en Taboada, ou de orientación, en Navia de Suarna, poderán inscribirse desde hoxe, venres, na web http://inscricions.deputacionlugo.org Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.