Deputación de Lugo
Turismo

Boa acollida de público na primeira xornada de rutas polo románico da provincia impulsadas pola Deputación

Día da Transrománica
Ruta Transrománica
A institución provincial organizou percorridos este sábado polos concellos de Antas de Ulla, Lugo, Guntín Chantada, Palas de Rei e Monterroso con motivo do Día da Transrománica, mentres que mañá domingo será a quenda de visitas por Taboada, Pantón e O Saviñao

A segunda edición deste programa turístico continuará o luns cunha ruta pola cidade lucense e a vindeira fin de semana por Sober, Monforte, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro

As persoas interesadas poden inscribirse en http://inscricions.deputacionlugo.org

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, celebrou a boa acollida de público que tiveron as catro primeiras rutas gratuítas organizadas pola Deputación de Lugo con motivo do Día da Transrománica, que se conmemora o 9 de maio. Os participantes nas actividades do sábado coñeceron, da man de guías oficiais de turismo, o patrimonio románico dos concellos Antas de Ulla, Lugo e Guntín, Chantada, Palas de Rei e Monterroso.

“Esta é a primeira xornada pero as inscricións indican que esta actividade gusta aos lucenses e mañá as visitas a Taboada, Pantón e O Saviñao son tamén un exemplo desta afirmación”, subliñou García Porto, quen lembrou que con esta iniciativa a Deputación busca promocionar o patrimonio románico da provincia, contribuíndo desta forma a “apoiar o sector do turismo, a hostalería e o comercio, e a seguir consolidando un modelo de turismo de calidade e sostible con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, e xerar actividade económica e emprego, sobre todo no rural”.

As actividades continúan o luns cunha visita á Catedral de Lugo e á Cidade Medieval, que ten as prazas esgotadas, e a vindeira fin de semana, os días 14 e 15 de maio, levaranse a cabo rutas en Sober, Monforte de Lemos, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro, recordou a Deputada.

As inscricións para as actividades aínda dispoñibles poden facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org 

Programa de rutas polo románico da provincia de Lugo

Domingo, 8 de maio
- 10.30 horas. Taboada: O románico menos coñecido (Prazo de inscrición pechado)
- 10.30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino (Prazo de inscrición pechado)
- 16.30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño (Prazo de inscrición pechado)

Luns, 9 de maio
- 11.30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval (Prazo de inscrición pechado)

Sábado, 14 de maio
- 10.30 horas. O románico en Sober
- 10.30 horas. Monforte na historia
- 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
- 16.30 horas. Santa María de Meira

Domingo, 15 de maio
- 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela
- 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo
- 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés
- 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico

Promoción europea

A Ruta Transrománica na que ingresou a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.