Deputación de Lugo

O Pleno aproba unha declaración institucional de integridade e compromiso ético da Deputación

declaración institucional
Imaxe deputación de lugo
Con este acordo, que adoptou por unanimidade a Corporación provincial, a institución dá cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Expresa o compromiso co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e a adhesión da institución provincial aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, cunha oposición á fraude e á corrupción en calquera das súas formas

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou na sesión ordinaria do mes de xaneiro celebrada este martes unha declaración institucional de integridade e compromiso ético, dando así cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor, quedando aprobada por unanimidade. 

Na declaración, a Deputación expresa o compromiso co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e adhesión da institución provincial aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, cunha oposición á fraude e á corrupción en calquera das súas formas. Así mesmo, recalca que o obxectivo é impulsar e favorecer unha cultura que desalente toda actividade fraudulenta e que facilite a súa prevención e detección, promovendo o desenvolvemento de procedementos efectivos para a xestión dos supostos que poidan darse.


DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Un dos piares fundamentais que deben guiar a actuación das Administracións Públicas para a mellor satisfacción do interese xeral ten que ser o da integridade institucional, definido de maneira sinxela como a observancia dos valores e principios da boa administración.

O mantemento e reforzo da integridade institucional e a súa proxección aos cidadáns, institucións e entidades coas que se relaciona deben ser, pois, obxectivos irrenunciables de calquera Administración Pública para o cumprimento dos fins que a Constitución e a lei lle encomendan.
A integridade institucional é unha esixencia ética que reborda a mera suxeición ás normas e, pola contra, demanda unha actitude proactiva na busca do cumprimento daqueles principios da boa administración. Un dos aspectos fundamentais que configuran a integridade dunha institución pública é o rexeitamento público, expreso e rotundo da fraude e da corrupción e o compromiso, igualmente claro, inequívoco e público para a súa persecución.

Pouco a pouco, pero de xeito imparable, alentadas e con apoio na normativa da Unión Europea (por exemplo na Directiva (UE) 2017/1371, sobre a loita contra a fraude que afecta aos intereses financeiros da Unión) e nas recomendacións dos seus organismos (sinaladamente a Oficina Europea de Loita contra a Fraude - OLAF), as manifestacións das Administracións expresando un compromiso de "tolerancia cero" coa fraude son cada vez máis frecuentes. En todo caso, o rexeitamento público da fraude e da corrupción faise ineludible cando a Administración xestiona fondos procedentes das Comunidades Europeas.

A Deputación Provincial de Lugo ten xa iniciado este camiño mediante a a introdución no Regulamento de Organización e Funcionamento da Asesoría Xurídica provincial dun título enteiro dedicado ao Compliance público así como -e sinaladamente- a sinatura co Consello de Contas de Galicia dun Protocolo de Colaboración no ano 2019, para que este Órgano Estatutario con competencias na materia acompañe na implantación das medidas concretas a adoptar.

Por outra banda, e no que respecta á xestión de fondos europeos, a entidade provincial iniciou os trámites oportunos para dar cumprimento ao previsto no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, onde se establece que, coa finalidade de protexer os intereses financeiros da Unión Europea, toda entidade, decisora ou executora, que participe na execución das medidas do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (en diante PRTR), deberá dispoñer dun «Plan de medidas antifraude» que lle permita garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes utilizáronse de conformidade coas normas aplicables, en particular, no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses. Existe a firme vontade por parte da Deputación Provincial de Lugo, de concorrer no ano en curso ás convocatorias que o Goberno de España poña en marcha para a execución do PRTR, sendo preciso contar co mencionado plan de medidas antifraude no caso de ser beneficiario de fondos con cargo ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia.

Alén do ate aquí exposto, o Pleno provincial quere manifestar o seu compromiso cos estándares máis elevados no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e a súa adhesión aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, de xeito que a súa actividade se perciba por todos como oposta á fraude e á corrupción en calquera das súas formas. Todos os membros da Corporación Provincial asumen e comparten este compromiso.

Por outra banda, os empregados públicos municipais teñen entre os seus deberes o de "velar polos intereses xerais, con suxeición e observancia da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, e actuar con arranxo aos seguintes principios: obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción do entorno cultural e medioambiental, e respecto á igualdade entre homes e mulleres" (artigo 52 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público).

O obxectivo desta política é o de impulsar e favorecer unha cultura interna que desalente toda actividade fraudulenta e que facilite a súa prevención e detección, promovendo o desenvolvemento de procedementos efectivos para a xestión dos supostos que poidan darse.

No marco desa política, a Deputación Provincial de Lugo disporá os procedementos e canles necesarias para que, con respecto pleno á confidencialidade e á protección de datos de carácter persoal, calquera persoa ou entidade poida denunciar aquelas irregularidades ou sospeitas de fraude que poida detectar. Dando cumprimento así á normativa europea e interna que regula esta materia.

Así pois, a presente declaración é un punto de partida para un compromiso en prol dun cambio de cultura administrativa na que os mencionados estándares e sobre todo, o compromiso co Dereito á boa administración, rexan a totalidade do actuar desta institución, ca adopción de todas as medidas precisas tanto na inmediata xestión de Fondos Europeos coma en xeral na xestión global de toda a actuación administrativa. Declarando, por tanto, unha política de "tolerancia cero" fronte á fraude e a corrupción e establecerá os sistemas de control axeitados para previr e detectar, dentro do posible, calquera actuación fraudulenta e corrixir o seu impacto, no caso de producirse.