Cultura
Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Museo de Lugo, escenario do vídeo promocional da ACB para recoñecer a Musa como xogador máis destacado do mes de decembro

Deportes
cultura
O deputado de Deportes, Efrén Castro, agradeceu o xesto do Breogán e do xogador, que contribúen á promoción do noso patrimonio.

O xogador do CB Breogán, Dzanan Musa, recibiu o trofeo como xogador máis destacado da ACB no mes de decembro no Museo de Lugo.  Varias salas do Museo serviron de emprazamento para a gravación dos vídeo promocionais que a ACB elabora para a difusión destes galardóns, ofrecendo así unha oportunidade para a proxección do Museo e dos seus fondos.

Entre os escenarios das pezas audiovisuais aparecen a Sala de Ourivería Antiga, que alberga unha importante colección de torques, arracadas, brazaletes e outras pezas de ouro e prata, fundamentalmente da Idade de Bronce e da Cultura Castrexa. Concretamente, a entrega do trofeo, na que actuou como mestre de cerimonio o arqueólogo e investigador, Felipe Arias, como un dos socios máis antigos do CB Breogán, fíxose ante a vitrina do Torques de Burela.

Nos vídeos, podense ver tamén secuencias gravadas na Sala de Plástica Romana, que garda mosaicos e diversas mostra de escultura romana dos séculos I ao IV d.C como a estela de Crecente e as bifrontes de Adai e Atán; ou Claustro (s. XV-XVIII), un espazo declarado Ben de Interese Cultural que exhibe unha ampla e variada coleción de reloxos de sol, epigrafía romana (en aras, placas e miliarios) e medieval, heráldica, capiteis, sartegos, laudas sepulcrais e mostras de escultura en pedra de diversas épocas.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, agradeceu “a disposición do CB Breogán a aproveitar a súa relevancia e proxección social para promocionar Lugo e, neste caso, o seu patrimonio, dando visibilidade ao Museo de Lugo, un dos baluartes patrimoniais e culturais da cidade de Lugo” e valorou tamén “o interese do xogador que aproveitou a ocasión para facer unha visita guiada polo Museo e achegarse á nosa historia”.

A ACB difunde os vídeos a través da súa web e dos seus perfís en redes sociais desde este mediodía.

Ligazón https://www.youtube.com/watch?v=_gmLr7oIDp