Deputación de Lugo

Máis de 80 persoas participaron nunha poxa na Granxa Gayoso, na que se venderon 26 reses por 2.213€ de media

granxa gayoso castro
ACRUGA
POXA
O Deputado de Recursos Sostibles asistiu á venda deste rabaño seleccionado de Rubia Galega do Centro de Recría, no que se realizan traballos de mellora da raza en colaboración con ACRUGA. O prezo máis alto foi de 2.700€

A Deputación de Lugo, en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA), celebrou este mércores unha poxa pública de gando na Granxa Gayoso Castro, na que se venderon por un prezo medio de 2.213€ un total de 26 cabezas de gando bovino das instalacións provinciais. Máis de 80 gandeiros e gandeiras participaron na venda, que tivo lugar polo procedemento de concorrencia. O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, asistiu á venda deste rabaño seleccionado do Centro de Recría.

A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou por un prezo de saída de 1.950€, que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 50€. Adxudicouse o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. O prezo máis alto pagouse por un exemplar de Rubia Galega que, cunha preñez de 5 meses, acadou un importe de 2.700€.

Todos os animais da poxa andaban polos 25 meses e procedían do rabaño seleccionado no Centro de Recría, no que a Deputación traballa na mellora da raza en colaboración con ACRUGA.

Mediante a Granxa Gayoso Castro e os diferentes proxectos de investigación e recría de raza autóctona, a Deputación de Lugo impulsa o sector primario da provincia, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e oportunidades.

Charla Informativa

Responsables e técnicos de ACRUGA impartirán o vindeiro venres, día 3 -ás 12.00 horas- unha charla informativa aberta a todos os gandeiros e gandeiras do sector cárnico para poñelos ao día sobre a actividade, vantaxes, proxectos e datos desta asociación. O acto terá lugar no aulario da nave de prácticas da Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo.