Deputación de Lugo
Economía

Os Orzamentos 2022 da Deputación, que superan os 100M€, “son claramente investidores e sociais”

Deputación de Lugo
orzamentos 2022
O Presidente avanzou que o debate e aprobación dos Presupostos terá lugar no Pleno ordinario do vindeiro martes, co que estarán en vigor a principios de xaneiro, coma sempre dende o inicio do mandato: “Para nós é unha prioridade porque só así son realmente útiles e eficaces”

Para “seguir mellorando e ampliando os servizos públicos, sobre todo no rural, e apoiar a recuperación económica en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”, o Goberno reforza as súas catro liñas de acción prioritarias: políticas sociais, cooperación cos concellos, apoio aos sectores produtivos e mellora da mobilidade

No 2022 sube o investimento en políticas sociais un 12%, ata alcanzar os 34M€, o que supón máis dun terzo do orzamento. Destaca o aumento na consignación para os centros de atención a maiores, que pasan de 8 a 10M€, un 20% máis

Das tres residencias que había no 2019 –en Trabada, Pol e Ribadeo-, este Goberno pasou a seis, ao abrir as da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita-. Este xoves poñerá en marcha a de Meira e a previsión para o ano 2022 é que estean en funcionamento as de Navia de Suarna, en febreiro, e a de Ribas de Sil, en xuño

A Deputación mantén o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos dotándoo no Orzamento de 11M€, que se elevarán ata os 21,5M€ coa incorporación de remanentes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, e a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, o proxecto de Orzamentos da institución para o ano 2022, uns presupostos que superan os 100M€, “os máis altos da última década”, e que son “claramente investidores e sociais”, subliñou o mandatario provincial.


José Tomé avanzou que, tras convocar onte mesmo a Comisión de Economía para este próximo xoves, o Goberno someterá a debate e aprobación o Orzamento no Pleno ordinario que terá lugar o martes da próxima semana, día 30 de novembro. “Polo tanto, presentámolos en tempo e forma para que entren en vigor a principios de xaneiro, tal e vimos facendo dende o inicio do mandato. Para nós é unha prioridade porque só así son realmente útiles e eficaces”, asegurou o Presidente.

Os Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2022 ascenden a 100.165.599,49€, incluído o da propia entidade provincial e o do Consorcio de Bombeiros, que cofinancia a administración lucense ao 50%. Suben en máis de 7,7M€, o que supón un incremento do 8% con respecto aos deste 2021, sobre todo debido ó aumento das aportacións do Estado, que, concretamente, medran en 6M€. “Son os máis altos da última década, e son uns presupostos claramente inversores e sociais, porque o aumento prodúcese fundamentalmente nos capítulos de Investimentos, Transferencias de Capital e Gastos en Bens e Servizos, en nas partidas de Benestar”, explicou José Tomé, engadindo que, desta forma, “responden ao que realmente é necesario nun momento coma este, no que parece que estamos saíndo da pandemia, e no que a sociedade e a economía precisa de investimento público para consolidar a recuperación”.

Co obxectivo de “seguir mellorando e ampliando os servizos públicos, sobre todo no rural, e continuar apoiando a recuperación económica en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”, afirmou o Presidente, o Goberno reforza as súas catro liñas de acción prioritarias: políticas sociais, cooperación cos concellos, apoio aos sectores produtivos e mellora da mobilidade.


Políticas sociais

O mandatario provincial anunciou que para o ano 2022 a Deputación sube o investimento en políticas sociais un 12%, ata alcanzar os 34M€, o que supón máis dun terzo do total dos orzamentos. 
Aumentan todas as partidas vinculadas a políticas sociais, aínda que o maior incremento se produce no caso dos Centros de Atención a Maiores, que pasan dunha consignación de 8M€ a case 10M€, o que representa unha subida do 20%.

“Das tres residencias que había ao principio do mandato, no ano 2019, situadas en Trabada, Ribadeo e Pol, pasamos ás 6 coas que contamos a día de hoxe, porque nestes dous anos abrimos os centros da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro”, lembrou o Presidente, quen confirmou que “este mesmo xoves abriremos o centro de maiores de Meira, e a nosa previsión para o ano 2022 é poñer en marcha a residencia de Navia de Suarna, no mes de febreiro, e a de Ribas de Sil, en xuño”, ademais de “seguir traballando nos proxectos que temos en marcha, como son os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros”.


200 empregos directos nas residencias

A rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación, recalcou José Tomé, “garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e das súas familias a través dun modelo de xestión público, centrado nas persoas, pero, ademais, crea emprego e dinamiza a economía do rural”. Neste sentido, apuntou que, coas seis residencias que a día de hoxe están en marcha e sumándolle a que abrirá o xoves en Meira, a Deputación mantén 200 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres, ós que temos que sumar os empregos indirectos.

Xunto aos centros de maiores, a Deputación mantén a dotación de recursos ao servizo de Teleasistencia Domiciliaria 24 horas, que atende a unhas 1.800 persoas, e ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con 2M€, do que se benefician máis de 2.000 persoas, neste caso a través do Plan Único.

O Presidente subliñou que en políticas sociais, sobre todo na atención aos maiores, “continuamos suplindo a ausencia da Xunta de Galicia, que incumpre neste ámbito o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia. Tanto é así que, dende que Feijóo goberna en Galicia a Xunta non abriu nin unha soa residencia pública en toda Galicia, pero tampouco aportou nin un só euro para os centros da Deputación, nin para a construción, nin para o funcionamento”.

José Tomé volveu a reclamar neste sentido á Xunta “que cumpra coas competencias que ten por Lei en materia social e que asuma o financiamento e o modelo de residencias da Deputación”.


9,4M€ para emprego

Así mesmo, no apartado de políticas sociais, sube a consignación para o fomento do emprego nun 5%. A Deputación mobiliza 9,4M€, dos cales 5,4 están contemplados no Presuposto, e ademais continúase coa execución dos programas que a institución desenvolve en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria. 

A institución continúa coa súa aposta pola educación, cun investimento que se acerca aos 3M€, destinados, por un lado, ao Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, e, por outro, á colaboración coa Universidade de Santiago e coa UNED, entre outras liñas de actuación.


Cooperación cos Concellos 

O Presidente incidiu en que, “como Concello dos concellos”, a Deputación proporciónalles de maneira equitativa ás entidades locais da provincia “os recursos técnicos, humanos e económicos que necesitan para que poidan ofrecer servizos públicos ós seus veciños e veciñas”.

O Goberno mantén o Plan Único, como “principal instrumento de cooperación” da institución cos concellos, co que garante unha distribución dos fondos provinciais con criterios públicos e obxectivos, respecta a autonomía local e dá estabilidade ás entidades locais porque contan con eses recursos para planificar a súa acción municipal.

No Orzamento, o Plan Único está dotado con 11M€, que se elevarán ata os 21,5M€ coa incorporación de remanentes, como se veu facendo ata agora.

Neste punto, José Tomé volveu a pedir á Xunta un Plan Único, “que implante un sistema de reparto xusto e equitativo dos fondos públicos, e que acabe co sectarismo e co castigo que practica cara os concellos que non son da súa mesma cor política”.

Así mesmo, reclamou ao Goberno galego “que transfira ás deputacións unha parte dos millóns de euros extraordinarios que está recibindo para combater a pandemia e transformar a economía, porque así chegarán realmente aos concellos, ás persoas e aos sectores que máis o necesitan”. Tamén ratificou que a Deputación seguirá concorrendo de maneira directa aos fondos europeos de recuperación “para impulsar, en colaboración cos concellos, a reactivación da economía, a innovación e o desenvolvemento sostible do territorio, sobre todo do rural”.


Apoio aos sectores productivos

O mandatario provincial destacou que a institución continuará no ano 2022 colaborando co tecido empresarial e profesional para reforzar o apoio aos sectores produtivos, sobre todo aos que son estratéxicos para a provincia e aos máis danados pola crise da Covid, é dicir, a actividade agrogandeira, forestal e do mar, o turismo, a hostalería e o comercio de proximidade.

Deste xeito, continuará co Plan de Impulso da Economía, destinado a favorecer a recuperación sostible do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia con medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo.

Polo que respecta ao sector primario, o Presidente asegurou que a dotación económica sube un 23%, ata os 3M€, “que dedicamos a protenciar proxectos como a Granxa Gayoso Castro, que contará cun orzamento superior ós 1,7M€, un 12% mais que este ano”, e tamén “a colaborar de maneira directa co tecido asociativo da provincia vinculado a todas as actividades agrogandeiras, forestais e marítimas con distinto tipo de axudas”.

En canto ao turismo, as partidas vinculadas con este sector suman 3M€ para “dar continuidade a todo tipo de medidas para a promoción do territorio, accións dirixidas ao fomento do turismo de proximidade, e tamén iniciativas para promover o consumo de produtos autóctonos, ademais da participación en eventos de alcance nacional e internacional para a promoción dos recursos patrimoniais da provincia e, con todo isto, seguir avanzando nun modelo de turismo de calidade e sostible”, explicou José Tomé.

Neste ámbito, destacou os máis de 774.000€ dedicados ó servizo de rutas fluviais pola Ribeira Sacra, “un verdadeiro revulsivo económico para a zona”, e tamén as aportacións de 162.000€ que fará a Deputación de Lugo en total e en varias anualidades á Mancomunidade de Municipios da Mariña e ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para levar a cabo os Plans de Turismo Sostible que lles concedeu a ambas entidades o Ministerio de Turismo.

As actuacións vinculadas co medio ambiente terán no ano 2022 unha dotación orzamentaria de máis de 4M€, o que supón un incremento do 20% con respecto a este ano 2021, segundo anunciou o Presidente, quen engadiu que se mobilizará a maiores 1M€ de fondos europeos para actuacións de impulso do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola Deputación
En materia de medio ambiente, e tamén vinculado co turismo, o Presidente anunciou que “no ano 2022 será unha realidade o Parque Central de Galicia”, un gran espazo público que está creando a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado no lugar de Nugallás, en Antas de Ulla, e que será “un revulsivo para a economía de toda a provincia pola súa capacidade de atracción turística”.


Mellora da mobilidade

Demostrando que a mellora da mobilidade é unha prioridade, o Presidente anunciou unha nova subida dos investimentos en estradas, nesta ocasión ata superar os 17,3M€, un 7% máis con respecto a este ano, entre as partidas destinadas a obra nova, a conservación e a mantemento. “A mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e un factor determinante para o equilibrio territorial e para fixar poboación no rural, motivo polo que esta liña de actuación ten tanta importancia nos Orzamentos”, subliñou José Tomé.