Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as obras de mellora da estrada de Sober a Doade, na que a Deputación inviste 220.000€

Rede provincial de estradas
Sober
doade
José Tomé Roca e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo comprobaron este luns as tarefas de aglomerado en quente que a institución está acometendo na estrada LU-P-5903

Estes labores permitiron a ampliación do ancho da vía ata os 5,5 mtros, realizouse a correspondente drenaxe, e farase a sinalización horizontal que garanta a seguridade viaria da veciñanza e dos visitantes que transitan por ela a diario

A Deputación inviste 100.000€ nestes traballos, que se desenvolven entre os puntos quilométricos 13 e 13,740, e vén de adxudicar novas obras por preto de 120.000€ no seguinte quilómetro da estrada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este luns as obras de mellora que a institución provincial está executando na estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade. Uns traballos nos que a institución inviste preto de 100.000€ para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13 e 13,740, e aos que dará continuidade con novas obras que vén de adxudicar por outros case 120.000€ para actuar no seguinte quilómetro. Polo tanto, o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 220.000€, entre o proxecto que está en marcha e o recén adxudicado.

Con respecto ao proxecto que se está acometendo, este luns desenvolvéronse os labores de aglomerado en quente, logo de que xa quedaran rematados os traballos de ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros e se fixeran as tarefas de drenaxe necesarias. Agora renovarase a sinalización horizontal co fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios e usuarias. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

José Tomé subliñou que “non só beneficiamos con esta actuación a centos de veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a comarca da Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas”. 

O Presidente lembrou que a Deputación dará continuidade a estas obras coa execución de novas actuacións, que veñen de ser adxudicadas por preto de 120.000€. Trátase do treito que vai do quilómetro 13,740 ata o 14,480, unhas obras ás que a Xunta de Goberno lles deu o visto bo a pasada semana. 

Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo deste xeito a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo.