126 persoas participaron nas Xornadas Viaxeiras e obradoiros de Experimenta Artesanía incluídos no programa “Lugo é Artesanía” do centrAD

O Centro de Artesanía e Deseño puxo fin a pasada semana á primeira edición do programa “Lugo é artesanía”, facendo un balance moi positivo tanto da participación e resposta que tivo, como das relacións humanas e profesionais que se artellaron a redor da artesanía.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro, xestionáronse un total de 174 solicitudes que debido as restricións sanitarias e ao tamaño dos propios obradoiros, se concretaron finalmente en 110 persoas que visitaron 22 obradoiros artesáns afincados nas comarcas de A Mariña, Ribeira Sacra, Meira, e Lugo Terra Cha. Turistas de Galiza e do resto do Estado, e mesmo de lugares máis lonxanos como Irlanda, México, Arxentina, Thailandia, Perú, Italia ou Xapón.
Os asistentes ás Xornadas Viaxeiras coñeceron de primeira man o traballo dos artesáns afincados no Barrio dos Muíños de Mondoñeo – o titiriteiro Ton Arenas, o canteiro Fernando Vilariño, o o obradoiro de cerámica Esquina Atlántica e de serigrafía Estudio Estampa-. Gozaron das exhibicións do manexo do lume e o barro da man dos oleiros de Gundivós. En Barbadelo, o luthier Germán Arias amosoulles a “Cremona lucense”.
Os obradoiros de Xaneco Tubío, Idoia Cuesta e Vicente Ledo, na Terra Chá, mostraron a variedade de posibilidades de futuro que ten a artesanía no rural e a súa interacción coa veciñanza. A conxunción de arte, natureza e artesanía impresionou na Mariña da man de Daniel Caxigueiro, a carpintería de ribeira de Francisco Fra, ou o complexo artesanal de Regal Cerámica.
Nos obradoiros da cidade de Lugo – Lis, Mi madre no me deja, Querqur Leathercraft, Ceniza de Papel, Augatinta e Marga Portomeñe – os asistentes puideron interactuar con materiais e ferramentas. Riotorto foi a última parada para coñecer a destreza dos ferreiros que aínda traballan nunha zona de longa tradición, as súas costumes, paisaxes e a arquitectura etnográfica do seu oficio.
Por outra banda, os 16 participantes nos talleres de Experimenta Artesanía, fixeron traballo de campo para o recoñecemento de prantas e cesteables, experimentaron diferentes formas de tecido e fixeron a súa primeira peza de fibras naturais, da man de Idoia Cuesta. Tamén traballaron modelando e torneando o barro, para facer boles e bandexas que decoraron con técnicas mixtas no obradoiro Ceniza de Papel, todo dentro de sendas experiencias de convivencia completas que incluiron café, música, historias e risas.
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, destacou “a grande receptividade deste programa que emprega a artesanía como fío condutor e de unión co medio natural, a etnografía, as tradicións culturais e a historia dos lugares”, afirmando que “a iniciativa pretendeu tamén xerar un espazo de encontro para futuras relacións profesionais, visibilizando o labor dos e das artesás, inspirando as persoas a iniciar a súa propia actividade, e amosando este tipo de actividades como recurso de promoción turística”.
A persoa encargada de guiar os roteiros, Guido Álvarez, deu conta como profesional do turismo da “formidable oportunidade de coñecer en profundidade un sector tan rico e interesante como é o da artesanía da provincia”. Así mesmo, subliñou a importancia de “iniciar e fortalecer relacións profesionais e de amizade con moitos artesáns, un feito que debera seguir estimulándose porque deste froito sempre nacen os mellores proxectos, nun ambiente positivo e natural, propicio para xerminar novos vínculos e realidades”.