En marcha as xornadas de asesoramento sobre viticultura na conca do Navia, financiadas pola área de Medio Rural
Esta fin de semana celebrouse na Fonsagrada a primeira xornada do programa formativo e de asesoramento para a recuperación e desenvolvemento da vitivinicultura no territorio da futura IXP “Terras do Navia”, organizado pola Asociación Galega de Vitivinicultura (AGV) co financiamento da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Nesta primeira sesión, ás persoas asistentes recibiron información sobre as distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viño galegas e sobre o funcionamento, funcionalidade e actualización do Rexistro Vitícola Galego. Tamén se analizaron as oportunidades que a obtención dun selo de calidade como a IXP Terras de Navia, en trámitación, ofrece para o desenvolvemento e a modernización tanto do sector produtor como elaborador.
O programa contempla varias sesións a desenvolver ata final de ano, con visitas de intercambio a outra zonas produtoras de viño de Galiza. Na vindeira xornada, que se desenvolverá o 16 de outubro en Negueira de Muñiz, abordarase a problemática do control de doenzas e pragas e as estratexias de defensa vexetal.
Na seguinte sesión, datada para o 23 de outubro, as persoas asistentes coñecerán de primeira man a experiencia de produtores da IXP Barbanza e Iria. O 4 de decembro, de novo en Negueira de Muñiz, impartiranse relatorios e demostracións en relación coa poda, os sistemas de formación e os enxertos.
Unha semana despois, o 11 de decembro, realizarase outra viaxe de intercambio con produtores da IXP Val do Miño-Ourense. Finalmente, o 18 de decembro, levaranse a cabo dúas sesións formativas sobre o marco legal e normativo da viticultura responsable e de calidade e sobre o prego de condicións da IXP Terras do Navia.
A inscrición para participar nas distintas xornadas poden xestionarse a través do enderezo electrónico frugaagv@gmail.com ou do teléfono 610592141.
O programa formativo, que conta cunha achega de 21.000 euros da área de Medio Rural, Mar e Mocidade, dirixida por Mónica Freire, busca impulsar a recuperación da vitivinicultura na conca do Navia e reverter o abandono de cultivos que se produciu nas últimas décadas.
Así o sinalou a responsable provincial, que valora “a formación e o asesoramento ás persoas produtoras e elaboradoras son chave para aproveitar as cualidades das castes autóctonas e a singularidade do territorio, máis no escenario que se abrirá coa aprobación dun selo de calidade como é a IXP”.