Efrén Castro valorou a participación e as medidas de seguridade sanitaria da Ancares Cycling Marathon, que reuniu 500 ciclistas nas estradas da comarca
O deputado de Deportes, Efrén Castro, valorou “o nivel de participación” e as “medidas de seguridade sanitaria” coas que se desenvolveu a primeira edición da Ancares Cycling Marathon, a proba de gran fondo que se celebrou este domingo polas estradas da comarca, organizada polo Club Ciclista Cidade de Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Preto de 500 ciclistas procedentes de distintos puntos de Galiza pero tamén de Asturias, Castilla y León, Madrid, Euskadi ou Cataluña percorreron as estradas de Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, As Nogais, Cervantes e Navia de Suarna que se amosaron como un escenario ideal para o ciclismo, acreditando a gran potencialidade deportiva e turística do Parque Natural dos Ancares.
O deputado da Vicepresidencia destacou “que despois de dous anos agardando, despois da suspensión de 2020 pola Covid-19, a súa celebración marca o camiño para recuperar a actividae con todas as medidas de prevención posibles, como se fixo neste caso. Así, sinalou “o esforzo feito pola organización para celebrar a marcha coas máximas garantías sanitarias, cun protocolo específico e a realización de probas de antíxenos na xornada previa.
O responsable provincial que, tras cortar a cinta de saída no acto protocolario inicial se sumou ao pelotón, amosouse convencido de que “a mestura de beleza e dureza dos Ancares fará que as persoas que hoxe estiveron apunten este lugar como destino para as súas saídas e adestramentos durante o ano”.
A proba, que partiu de Pedrafita do Cebreiro ás 9.00 horas e que culminou no Alto do Cebreiro, coa chegada dos primeiros participantes a partir das 12.30, contou coa participación de Iván Raña e Delio Fernández.
Miguel Induráin, que tiña prevista e anunciada a súa presenza, non puido acudir tras coñecer, nas últimas horas, que foi contacto estreito dun caso positivo de Covid-19. O cinco veces campión do Tour desculpou a ausencia e saudou ás persoas participantes a través dun vídeo que se proxectou no inicio da proba.