Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa o inicio das obras dunha nave para maquinaria en Alfoz á que a Deputación destina 115.000€

Rede provincial de estradas
Cooperación cos Concellos
Alfoz
obras dunha nave para maquinaria en Alfoz
A institución financia a construción deste almacén que permitirá que o material municipal estea protexido e se conserve en boas condicións durante máis tempo

José Tomé, xunto ao Alcalde, visitou tamén a mellora da estrada LU-P-0202, de San Acisclo a Oiras, e a LU-P-0209, da Igrexa de Bacoi a Vilar, rexeneradas con medios propios cuns traballos valorados en 52.835€, e a limpeza da vía LU-P-0208, de Oiras a Pereiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, supervisou o inicio das obras de construción dunha nave almacén de maquinaria no concello mariñano. Na visita tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

A institución provincial fai unha achega de 115.300 euros para esta nova edificación, que se levanta na Granda de San Pedro, xunto á piscina municipal e o colexio, mentres que o concello aporta 4.435 euros, dentro do convenio de colaboración asinado entre estas dúas institucións.

“Esta nave é moi necesaria porque agora mesmo a maquinaria municipal estase gardando ó aire libre, o que, ademais de expoñela a roubos, que xa se teñen producido, acelera o seu deterioro e provoca avarías que, de estar resgardada, non se producirían”, explicou o Presidente.


Ambos representantes asinaron unha addenda ó convenio de colaboración  entre Deputación e Concello que permitirá levar a cabo obras complementarias á construción deste almacén mellorando aínda máis a seguridade. Trátase dun acordo entre as institucións nas que se invisten 20.146 euros de remanentes para esta fin tras a solicitude no mes de maio.


O Presidente tamén supervisou as estradas provinciais que están a ser melloradas con medios propios da Deputación. A LU-P-0202, de San Acisclo a Oiras, foi rexenerada en 8 quilómetros de vía con rego asfáltico, e a LU-P-0209, da Igrexa de Bacoi a Vilar,  en dous quilómetros, ambos traballos están valorados en 52.835€. O Presidente destacou que “a mellora desta vía permite unha mellor comunicación entre as parroquias de Alfoz nunha vía que se achega aos 5 metros de ancho”. Así mesmo, o persoal do Parque Móbil provincial está a levar a cabo a limpeza da vía LU-P-0208, de Rúa, en Oiras, a Pereiro.

José Tomé destacou que a Deputación de Lugo está demostrando que é unha administración fundamental para achegar e mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas da provincia con actuacións como as que acomete en Alfoz a través da cooperación cos concellos. 

O Presidente asegurou que manter en bo estado as comunicacións por estrada “é imprescindible para favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural. Por iso, o mantemento e a mellora da rede de estradas é unhas das nosas liñas de actuación prioritarias”.

Pola súa banda, o Alcalde de Alfoz subliñou a importancia dun traballo coordinado entre as administracións e resaltou que “a Deputación demostra o seu traballo con feitos como as melloras que visitamos. En Alfoz estamos moi agradecidos polo esforzo levado a cabo, dende o Presidente ata os técnicos provinciais, que nos permiten cumprir cos compromisos que temos coa nosa veciñanza”.