Deputación de Lugo
Formación

A Deputación entrega os diplomas do plan de formación pioneiro que ofreceu a máis de 320 empregados e empregadas

Formación
traballadores
Esta foi a primeira vez que se organizou unha acción así na institución e tamén entre as administracións públicas galegas, polas súas características, xa que estivo dirixida a favorecer a promoción horizontal dos traballadores, e polas súas dimensións e alcance, pois tivo acceso a metade do cadro de persoal

A formación desenvolveuse entre febreiro e maio de xeito telemático para promover a participación e extremar a prevención ante a Covid-19

A Deputación dotou aos traballadores e traballadoras de ferramentas para progresar na carreira profesional e, ao mesmo tempo, mellorar o funcionamento da Deputación e a prestación dos servizos públicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, entregaron este martes no Salón de Actos aos traballadores e traballadoras provinciais que completaron o plan de formación impartido pola institución para o procedemento de promoción interna horizontal o diploma que acredita a súa participación na acción formativa, á que accederon máis de 320 empregados e empregadas.

Esta foi unha acción pioneira na Deputación e tamén entre as administracións públicas galegas polas súas características, xa que estivo dirixida a favorecer a promoción horizontal dos traballadores, e polas súas dimensións e alcance, pois tivo acceso a metade do cadro de persoal da institución.

A entrega dos diplomas celebrouse hoxe en tres grupos e completarase o vindeiro xoves, dado o elevado número de participantes e como medida de prevención da Covid-19.

A formación dividiuse en tres niveis, en función dos grupos de clasificación profesional do funcionariado. Dende febreiro a maio, o cadro de persoal seleccionado para esta acción formouse en catro módulos sobre o funcionamento da propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías.

A formación impartiuse de xeito telemático para favorecer a participación e extremar a prevención ante a pandemia da Covid-19. O temario desenvolveuse en 8 edicións simultáneas, que en total sumaron 320 horas.
 
O Presidente destacou “o compromiso claro da institución coa formación continua e de calidade dos traballadores e traballadoras co fin de dotalos de ferramentas para progresar na carreira profesional, e co fin de seguir mellorando o funcionamento da institución, para que sexa máis eficiente, áxil, próxima e útil á cidadanía”.

O mandatario provincial felicitou e agradeceu a resposta dos traballadores, “que é o mellor exemplo de profesionalidade e de compromiso por unha administración dinámica, moderna e en constante evolución”. “Seguiremos organizando accións de formación porque a Administración ten que estar sempre preparada para darlle a mellor resposta posible ós veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.