Deputación de Lugo

COMUNICADO AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Covid-19
Imaxe deputación de lugo

A Deputación de Lugo informa de que, dentro da súa política de anticipación e de adopción de protocolos de prevención e de loita contra a Covid-19 por riba mesmo dos establecidos polas autoridades sanitarias, o Presidente, José Tomé Roca, asinou este sábado un decreto que recolle un conxunto de medidas dirixidas aos traballadores e  traballadoras públicos da institución provincial e ao conxunto da cidadanía á que presta atención co obxectivo de reforzar a prevención e a protección da saúde, e de minimizar os riscos de propagación do coronavirus, ante o repunte da incidencia da pandemia.

En concreto, a Deputación de Lugo adopta as SEGUINTES MEDIDAS, que ENTRARÁN EN VIGOR O VINDEIRO LUNS, 18 DE XANEIRO:


1.- REDUCIÓN AO MÍNIMO IMPRESCINDIBLE DO TRABALLO PRESENCIAL EN TODAS AS DEPENDENCIAS PROVINCIAIS DURANTE 15 DÍAS, entre os días 18 e 31 de xaneiro, garantindo a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos públicos provinciais.

Durante este período, establécese o traballo dende o domicilio na modalidade de non presencial para aqueles empregados e empregadas da Deputación cuxas funcións permitan desenvolver o traballo a distancia, atendendo á cidadanía a través de vía telefónica e/ou telemática. A partir do día 31 de xaneiro, pasarán a realizar traballo presencial en quendas estables do 50% dos efectivos de cada servizo.

Pola súa banda, con respecto ao persoal con funcións que non poden desenvolverse a distancia, dende o vindeiro luns desempeñará o seu traballo de forma presencial a través dun sistema de quendas estables do 50% dos efectivos de cada servizo, co obxectivo de minimizar os contactos e garantir o normal funcionamento da institución. Dadas as especiais condicións de traballo do Parque Móbil, manteranse os equipos de traballo para posibilitar que se poida seguir prestando o servizo, respectando sempre, co máximo rigor, as distancias entre os empregados e demais medidas de seguridade e prevención.

Todos os empregados e empregadas públicos provinciais deberán permanecer localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo presenciais se así se lles require por necesidades excepcionais do servizo.

2.- CANCÉLANSE OS ACTOS PÚBLICOS NO PAZO DE SAN MARCOS E PÉCHANSE AS DEPENDENCIAS PROVINCIAIS AO PÚBLICO. Os actos públicos con asistencia presencial no Pazo de San Marcos quedan cancelados. Ademais, daráselle prioridade ás reunións telemáticas e a participación en actos a través de plataformas dixitais. As dependencias provinciais estarán pechadas ao público.

As medidas de carácter extraordinario terán a duración imprescindible para dar resposta á situación que motiva a súa adopción, e poderán ser revogadas por necesidades excepcionais do servizo.


Por outra banda, a Deputación de Lugo, dentro da súa POLÍTICA DE MÁXIMA TRANSPARENCIA, informa de que no día de hoxe tivo coñecemento de que, a raíz dunha proba que realizou vía privada, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, deu positivo, un resultado que foi comunicado ao SERGAS para que realice a correspondente PCR co fin de corroboralo. Así mesmo, co cribado realizado pola Deputación detectou un positivo no servizo de Novas Tecnoloxías, e  continúa á espera do resultado da proba realizada a un traballador do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), logo de que tivera contacto cunha persoa positiva por Covid-19. En función destes resultados, a Deputación, atendendo ás indicacións do Servizo de Prevención e reforzando os protocolos das autoridades sanitarias, adoptou as seguintes medidas: 

- AMPLIAR O CRIBADO CON PROBAS DE DIAGNOSE DA COVID-19 aos empregados e empregadas dos servizos provinciais cos que tivo contacto a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, así como aos integrantes da Xunta de Goberno. Faranse unhas 50 novas probas de detección do virus, aínda que poderán volver a ampliarse en función das avaliacións que efectúe o servizo provincial de Prevención.

A Deputación de Lugo continúa coa política de máxima transparencia que vén practicando dende o inicio da pandemia e coas medidas de anticipación e de reforzo dos protocolos aprobados polas autoridades sanitarias para protexer a saúde dos traballadores e traballadoras, e de todas as persoas que acceden ás dependencias provinciais, garantindo, ao mesmo tempo, a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos públicos.