Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación cumpre cunha vella demanda veciñal de Xermade achegando 60.000€ para un camión contra incendios

Xermade
convenios
O Presidente e o Alcalde asinaron o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello para a compra dun novo vehículo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade e Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asinaron este xoves un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Xermade para a compra dun camión contra incendios. 

José Tomé subliñou que a achega provincial, que ascende aos 60.000€, “permitirá atender unha vella demanda dos veciños e veciñas de Xermade, que levaban case 30 anos solicitando esta dotación tan importante para a seguridade do concello”.

Pola súa banda, o Alcalde xermadense explicou que o Concello conta, na actualidade, cun pequeno camión que non cubre as necesidades para facer fronte a un lume. “Con esta nova dotación poderemos movernos con facilidade polos montes de Xermade, que son case dous terzos do territorio, actuando rapidamente co noso servizo de Protección Civil ata que cheguen os medios especializados e coas competencias nesta materia”. 

O novo vehículo contra incendios contará cunha capacidade de almacenamento de auga de entre 3.500 e 4.000 litros, “permitíndonos, ademais de loitar contra os lumes, levar auga aos pozos das casas dos veciños e veciñas cando así o necesiten”, afirmou Roberto García Pernas.