Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Mabel Lozano presenta hoxe por 1ª vez en Galicia o seu libro PornoXplotación nos Faladoiros Feministas

Faladoiros Feministas
A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo, continúan con este ciclo co fin de concienciar sobre a estrutura social patriarcal, de empoderar ás mulleres e de loitar contra as violencias machistas

Os Faladoiros Feministas, organizados pola Deputación de Lugo en colaboración co Foro Feminista Maruxa Mallo, celebráronse de novo este sábado nos cines Códex. O evento acolleu por primeira vez en Galicia a presentación do libro PornoXplotación de Mabel Lozano, obra na que se denuncia a explotación das mulleres.

Este libro foi elaborado tras anos de investigación e tamén grazas a valentes e duras testemuñas. PornoXplotación narra a realidade para aquelas persoas que cren que a pornografía é allea as súas vidas. Tamén é unha maneira de informar e sensibilizar sobre o porno, un fenómeno que traspasa todas as fronteiras. 

Mabel Lozano é modelo, actriz e presentadora. No 2007 comeza unha carreira como documentalista polos dereitos humanos, e escribe e dirixe a súa primeira longametraxe Voces Contra la trata de mujeres, onde denuncia a compra venda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. 

Programación decembro
Os Faladoiros Feministas transformados en Ciberfaladoiros, adaptáronse á nova normalidade dándolle a oportunidade a que todas as persoas que así o desexen poidan asistir a través da Rede a este encontros de debate. Estas xornadas pretenden abrir debate sobre a estrutura social patriarcal, ademais de empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas. A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais.

Estas xornadas continuarán no mes de decembro. O día 4, ás 19:30h, será a quenda de Carmen Castro e o día 11, ás 19:30h, a de Sonia Ramos. A retransmisión será online a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural e a participación farase a través de whatsapp no seguinte número de teléfono: 690.117.254.