Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O alumnado do Centro Audiovisual e os usuarios das residencias súmanse aos actos contra a violencia machista

Pablo Rivera Capón
25N
Actos-25N.IMG01
Unha fogueira en homenaxe ás vítimas culminou a programación organizada polo alumnado de 1º de Produción, que incluíu actuacións musicais e a elaboración e emisión nas redes sociais de vídeos co obxectivo visibilizar, concienciar e loitar contra a violencia machista

As persoas residentes nos catros centros de maiores provinciais gravaron pezas audiovisuais recitando estrofas da obra Poema á muller galega, de Manuel María

Así mesmo, Deputación, Concello de Lugo e Subdelegación do Goberno reivindicaron o fin das violencias machistas nun acto conxunto que consistiu nun minuto de silencio, a lectura dun manifesto e a solta de globos en recordo das mulleres asasinadas

Rivera Capón destacou a “importancia destas actividades que contribúen a concienciar á cidadanía a través dos máis novos e as persoas maiores”

O alumnado do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais e os usuarios dos catro centros de atención a maiores da Deputación de Lugo sumáronse este mércores aos actos de conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha programación que incluíu vídeos e actuacións musicais nos que se abordan diversos aspectos relacionados con este grave problema social, e que culminou cun minuto de silencio e cunha fogueira en homenaxe a todas as mulleres asasinadas en 2020. 

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, achegouse esta mañá ata o Centro de Formación Audiovisual (CFA) durante os últimos preparativos das actividades, que inicialmente estaba previsto celebrar na súa totalidade nos exteriores do recinto educativo, e que houbo que dividir entre os xardíns e o salón de actos por mor da chuvia. 

Rivera Capón destacou “a importancia de iniciativas coma esta que serven, por unha banda, de práctica nun escenario real, neste caso, e como en anos anteriores, a primeira que fan os alumnos e alumnas de 1º de Produción, e por outra, contribúe a concienciar sobre esta lacra a través dos máis novos e das persoas maiores”.

Os estudantes de 1º de Produción foron os encargados de idear, organizar e elaborar o material de todas as actividades, que tiveron que adaptarse á actual situación sanitaria, co obxectivo de cumprir escrupulosamente con todas as medidas de seguridade. En cursos anteriores, o alumnado do CFA foi o responsable da actividade En Camiño contra as Violencias, unha marcha aberta á sociedade, na que participaron centos de lucenses, e que tivo unha proxección nacional en diversos medios de comunicación.

Fogueira en homenaxe á vítimas
A programación deste 25 de novembro comezou cun espectáculo musical no salón de actos, co aforo limitado a 22 persoas, que estivo organizado e feito polos alumnos e alumnas de 1º de Produción e 1º de Realización. As pezas, con música e letras dos propios estudantes, abordan diversos aspectos relacionados coa violencia machista. Os mozos e mozas tamén foron os encargados de cantar e de tocar os instrumentos, entre outros, un piano, un violín e unha guitarra.

Ao remate da gala, estudantes e traballadores do CFA saíron ao xardín, onde gardaron un minuto de silencio. Púxose o punto final ao acto prendendo unha fogueiraen homenaxe a todas as mulleres asasinadas este ano polas súa parellas ou exparellas.

Chamamento á sociedade e aos medios de comunicación
A programación arrancaba xa este martes coa publicación de tres vídeos, que poden verse nas redes sociais do Servizo de Audiovisuais. Estes traballos, elaborados nas últimas semanas polo alumnado coa participación dos actores Anxo Fernández, María Pichín e Lucía Parga, teñen por obxectivo visibilizar, concienciar e loitar contra a violencia machista.

No primeiro deles, os estudantes fan un chamamento aos medios de comunicación sobre as consecuencias que a actual pandemia sanitaria está a ter ao ocultar graves problemas sociais como a violencia machista; noutro dos vídeos, sobre o ciclo da violencia machista, amósase a evolución dunha parella na que a muller é a vítima; e por último, no terceiro audiovisual o alumnado representa a actitude dos sectores negacionsistas ante feitos evidentes. Baséanse en estudos da OMS nos que se sinala que unha de cada tres mulleres sofre violencia machista ao longo da súa vida, unha porcentaxe que é maior, segundo outras fontes.

Poemas nos centros de maiores
Pola súa banda, os usuarios e usuarias das catro residencias de maiores da Deputación tamén se sumaron aos actos polo 25N. Concretamente, gravaron vídeos recitando estrofas da obra Poema á Muller Galega, de Manuel María. Con todo ese material, o Servizo de Audiovisuais da institución provincial elaborará unha peza para que os residentes dos centros de maiores de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Ribadeo a teñan para o seu recordo.


Ofrenda floral e solta de globos
Finalmente, Deputación, Concello de Lugo e Subdelegación do Goberno reivindicaron nun acto conxunto o fin das violencias machistas. Ante as restricións derivadas da pandemia, as tres administracións, debido á importancia de manter o carácter reivindicativo do 25N, realizaron un acto simbólico na Praza de Santo Domingo, fronte á Arbore da Vida. Durante o mesmo, gardouse un minuto de silencio e homenaxeouse ás vítimas da violencia machista cunha ofrenda floral e unha solta de globos en recordo das mulleres asasinadas este ano en España. Tamén se efectuou a lectura dun manifesto.

Actos-25N.IMG02