Medio Rural e do Mar, Mocidade
Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

García Porto destaca a importancia do sector primarioda provincia no V Fórum Ries 20 do Clúster Saúde de Galicia

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou na clausura telemática do encontro, onde tamén salientou a relevancia dos produtos e comercio de proximidade e do rural no actual escenario xurdido coa pandemia da Covid-19

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores de maneira telemática na clausura do V Fórum Ries20 Silver Economy: alimentación e calidade de vida, que organiza o Clúster Saúde de Galicia e co que colabora a institución provincial. Na clausura tamén estivo presente por videoconferencia o Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o Alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, a presidenta do clúster, Rocío Mosquera, e o presidente do Comité Ries20, Juan Vieites. 

Na súa intervención, García Porto lembrou que o novo escenario xurdido coa crise sanitaria da Covid-19 puxo sobre a mesa a importancia dos “produtos e do comercio de proximidade, o mundo rural presenta unha mellor resistencia a esta enfermidade que o mundo urbano”. A Deputada tamén puxo o foco na necesidade de manter un sector primario capaz de abastecer ao territorio, tendo en conta que a provincia de Lugo “é unha provincia cun peso importantísimo neste sector, de larga tradición agrícola e gandeira, sobre todo no sector lácteo”.

Así mesmo, a Deputada salientou a aposta da provincia por combinar esa tradición coa I+D+i, que se materializa na colaboración coa Universidade e co tecido produtivo en proxectos como o da Granxa Gayoso Castro.

Selección de produtos
A Deputación de Lugo colaborou con este foro proporcionando unha cesta de produtos da provincia para os participantes, co obxectivo de realizar unha cata virtual na que se degusten uns exemplos do bo facer dos produtores da provincia.

Cada cesta inclúe unha cuña de queixo da Nabiza Eco de Arqueixal, xamón reserva de Porco Celta, marmelada extra de arándanos Caurelor, lombos de Bonito do Norte de Conservas Faro de Burela, calamares na súa tinta de Currimar, porción de lombo de Embutidos Suarna, galletas artesás Mariñeiras Daveiga, mel de autor de Manuel Sande, e viño da denominación de orixe Ribeira Sacra.

Fórum Ries20
O Fórum RIES20 é un foro de referencia a nivel autonómico e nacional que aborda os retos e oportunidades do ecosistema da saúde. Está organizado polo Clúster Saúde de Galicia e reúne aos principais axentes do sector sanitario e sociosanitario do ámbito público e privado a nivel europeo.